Xan Campos, músico: «O máis coherente no jazz é estar abertos a outras influencias»

SANTIAGO

Ivana Pardal

O trío liderado polo pianista ofrece un concerto esta noite no festival Feito a Man

18 ago 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

20.00 horas • San Paio de Antealtares • 3 euros • O festival Feito a Man inclúe hoxe dúas citas: o jazz de Xan Campos Trío para abrir a xornada e a música experimental de Filo (Tras Salomé, 22.00 horas). No primeiro caso, o trío liderado polo pianista Xan Campos presentará o seu terceiro disco, «Realismo», que saíu só uns días despois de decretarse o primeiro confinamento.

 

-Que se vai atopar o público neste concerto en Santiago?

-Imos facer a música de «Realismo». Considéroo un disco de jazz porque somos tres músicos que vimos do jazz, pero a nivel estético ten moitas variantes e influencias diferentes, que ademais están moi patentes, moi visibles na música que facemos; trátase de influencias moi claras. Ademais, para este disco o produtor foi Hevi, que se converteu nun músico máis da banda porque ten moita importancia tanto na sonoridade do disco como nos directos. Vén dun mundo completamente diferente ao noso e introduciu cousas novas para nós. Entón, a xente vaise atopar unha música que ten a frescura do jazz -porque o enfoque é de jazz-, pero a nivel estético soa a moitas outras músicas, desde a electrónica ata partes pop, rock...; un pouco as músicas que nos gustan.

-Por que facer visibles esas influencias?

-Pola propia esencia dunha música como o jazz, que é aberta, espontánea... Penso que o mellor enfoque que se lle pode dar é ese: absorber ou deixar que se absorban esas outras músicas que escoitamos. Non me gusta ter unha visión purista do jazz porque o jazz nunca foi purista, e desde o principios xa naceu como unha mestura de tradicións e de estilos. Entón, o máis coherente que podemos facer os músicos de jazz de hoxe en día é ter a mesma filosofía e estar abertos a que todas esas influencias poidan estar aí plasmadas, non cerrar portas. Non o vexo como algo intencionado que metamos aí outros xéneros, senón que se trata de non cerrar a porta a que outros xéneros que nos gusta escoitar e tocar poidan estar aí.

-Santiago é unha cidade onde o jazz ten gran pegada, con numerosos músicos e formacións. Cambia á hora de afrontar un concerto na cidade?

-Hai moita vida cultural e musical, e nós temos moitos compañeiros e compañeiras músicos. Eu vivín nela un tempo e sempre foi unha cidade atractiva polo activa que é, aínda que ultimamente a cousa está máis complicada porque os locais pequenos -que é onde se inicia a vida do jazz- tiveron moitas dificultades para facer concertos ao vivo, especialmente este último ano e medio polo coronavirus. Así que Santiago é un sitio especial para tocar.

-No último traballo, a compostelá Ivana Pardal dirixiu un videoclip. É importante engadirlle o audiovisual a súa música?

-Ao principio tiña algo de reticencias de ir máis alá do que é a propia música porque considero que sigue sendo especial poñerse a escoitar un disco sen facer outra cousa ao mesmo tempo. Por iso apostamos polo vinilo, xa que fomenta o feito de escoitar un disco. Pero, ao final, hai que adaptarse aos tempos e a xente hoxe nun dos sitios onde máis escoita música é en YouTube. Entón, decidimos facer algúns vídeos e estamos moi contentos. En concreto, en «Amoria» encantoume o que fixo Ivana. Agora cústame tocar o tema sen evocar esas imaxes que ela construíu. Hoxe o audiovisual é un material imprescindible para ter presenza.

-Un dos temas, «Espello de auga», é un palíndromo e pódese escoitar igual ao dereito que ao revés. Como xurdiu a idea de facelo?

-Leváballe dando voltas moitos anos. A través de técnicas de composición e de gravación conseguimos facer ese tema palíndromo, que suscitou bastante interese de varios artistas, entre eles a da persoa que fixo o videoclip, que se pode poñer igual que a música do dereito e do revés. Ademais, hai outro artista, Amine Asselman, que fixo uns mosaicos baseados na simetría do tema.