«Hai moito que progresar na promoción e defensa dos dereitos humanos»

j. g. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

26 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Apandemia da covid-19 aumentou o ritmo de traballo da Valedoría do Pobo. Dolores Fernández Galiño, a valedora, explica que «desde o primeiro día hábil seguinte recibimos chamadas de xente e queixas que manifestaban non ter ingresos nin para mercar comida, que lles cortaron a subministración de electricidade na vivenda, que tiñan que abandonar a vivenda por finalizar o prazo que lles concederan nun proceso de expropiación, que non podían ver os fillos e fillas, ou non podían acompañar ao pai ou á nai a un tratamento de quimioterapia ou que non os podían ir ver a unha residencia; que non se podían despedir dun ser querido; que lles pecharon o centro de día onde recibían terapia de determinada doenza, que non podían ir á horta, que non conseguían contactar coa Administración, e outras moitas». Sobre todo no período entre o 14 de marzo e o 21 de xuño.

Aumentaron as queixas «que chegaron de 83 concellos, a maioría dos da provincia. Aínda que isto non pode levar á compracencia de pensar que non se pode facer máis. Asinamos un convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias para promover unha serie de reunións, en primeiro lugar co persoal dos concellos para dar a coñecer o labor da nosa institución. Tamén, se temos en conta o incremento dos asuntos, que coincide coa situación da crise sanitaria e social provocada pola pandemia da covid-19, un 28 % máis que no 2019, e a transcendencia do traballo que realizamos en protección e tutela dos dereitos fundamentais, temos que tentar que a Valedoría sexa mais coñecida», acrecenta.

Fernández Galiño afirma que «hai moito que seguir progresando no noso labor de promoción e defensa dos dereitos humanos. Ese é un labor diario, atendendo ás persoas que acoden á institución, resolvendo as queixas, colaborando no fortalecemento das institucións e na mellora da actividade da Administración, e iniciando investigacións de oficio en asuntos de especial interese».

Sobre as queixas máis destacadas que recibiu da provincia o último ano refire, en primeiro lugar «as dificultades que trouxo o confinamento para cubrir as necesidades básicas de persoas que recibían axudas para alimentos, e outras, especialmente de entidades sociais como axudas informais. Actuamos mediante queixas telefónicas cos concellos, entre eles o da Coruña e o de Santiago, que deron conta de actuacións dilixentes para crear novos mecanismos de axuda de emerxencia». Salienta tamén as «actuacións de oficio con todos os concellos para coñecer o cumprimento das previsións legais en materia de accesibilidade. Hai tempo que finalizou o prazo para as adaptacións razoables legalmente previstas e continúan casos de falta de accesibilidade ou adaptacións razoables» para as persoas con diversidade funcional.

Refire así mesmo actuacións perante o Centro de Información da Muller da Coruña para a concesión de axudas a vítimas de violencia; as recomendacións á USC e ao Concello de Santiago para que mellorasen as condicións de seguridade nos campus da cidade; a mediación para reparar deficiencias nunha vivenda propiedade do Concello da Coruña utilizada por unha muller de idade; a reparación dunha vía en Mandiá (Ferrol); ou a petición ao complexo hospitalario de Santiago para que non use os corredores de urxencias para tareas asistenciais.