Manuel Pazos, coordinador de Obradoiro da Historia: «Case sempre houbo que comezar de cero nas investigacións que fixemos»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A asociación, que cumpre 25 años, busca un espazo referencial para á súa produción

28 mar 2021 . Actualizado a las 05:05 h.

En marzo de 1996, cunha tarxeta postal sobre Manuel Ponte Pedreira, emerxía na comarca de Ordes a asociación Obradoiro da Historia. Un libro sobre os camiños antigos do concello de Oroso e un tríptico divulgativo do dolmen de Aiazo (Frades) eran outros traballos ese ano. Agora, no 25 aniversario, buscan un espazo referencial e que ofreza estabilidade para acoller a produción deste tempo: alén dos estudos históricos, centro da súa actividade, promoveron traballos sobre literatura, fotografía, filatelia, arte contemporánea, denuncias de agresións ao patrimonio: «Temos unha biblioteca, un arquivo e diversas coleccións. Cando a pandemia da covid o permita queremos facer unha exposición desa traxectoria de 25 anos; e parte do noso traballo, en especial de etnografía e arqueoloxía, irá para o museo que está a organizar o colexio público do Camiño Inglés, de Sigüeiro», avanza Manuel Pazos, coordinador da entidade.

«Case sempre houbo que comezar de cero nas investigacións que fixemos. Os primeiros traballos eran divulgados en trípticos, cadernos, fichas ou boletíns, que se distribuían de balde polas parroquias. A asociación mudou neste tempo, e tamén os intereses de parte das persoas que a integraron», acrecenta. Entre esas persoas que o acompañaron estiveron Daniel Pereiro, María Souto, Begoña Pérez ou Suso Louro.

Difundiron estudos tamén de investigadores como Raquel Bello Vázquez, sobre Luís Porteiro Garea, en 1998; ou máis recentemente, en 2018, o realizado por Adrián Marzoa Otero, como traballo de fin de grao de Historia, na USC, e que editaron en 2018. Agora a principal actividade de Obradoiro da Historia é na actualidade como editora, indica Pazos.

Dos traballos deste período cita unha Historia da prensa local na comarca de Ordes, en 1997; revistas como Segrel, en 1998, con continuidade neste século; ou Memoria de Oroso, co primeiro número en 2015 e o segundo en 2018; volumes de fotografía como San Martiño de Marzoa, imaxes para o recordo, en 2007, ou Victoriano Verea Montero. Imaxes contra o esquecemento, que editou o Concello de Oroso, en 2015, sobre ese fotógrafo ambulante. A memoria histórica foi tema preferente destes cinco lustros, e publicaron no ano 2011 A Guerra Silenciada. Mortes violentas na comarca de Ordes 1936-1952; o estudo de Adrián Marzoa sobre a represión; ou apoiaron o ano pasado Aramados. Os meus nove meses polos campos de concentración de Francia, de Manuel García Gerpe, que traduciu Miro Villar e publicou Alvarellos. Pazos no volume colectivo Moncho Valcarce, un dos inesquecibles, editado pola Deputación en 2018, no 25 aniversario da morte deste sacerdote, cun texto en que lembra a súa intervención reivindicativa no encordo de Vilagudín (Ordes) ou de Santaia de Gorgullos (Tordoia). Outros produtos deste tempo foron Descrición do Camiño Inglés, Concello de Oroso, 2017, en galego e inglés, con Trese Barton; até o máis recente Chegadas, saídas. O antigo camiño de ferro Santiago de Compostela-A Coruña, de decembro de 2020.

Organizaron tamén diálogos con especialistas como Antonio Fraguas, Pousa Antelo, Díaz Pardo, Emilio Grandío, Bernardo Máiz ou Uxío Breogán; ou produtores da literatura e dos estudos literarios, entre eles, Del Riego, Neira Vilas, Manuel María, Bernardino Graña, Ferrín, Suso de Toro, Alonso Montero e outros. Na colección de arte contemporánea, Pazos salienta obras de Laxeiro, Seoane ou Abelenda, entre outros, que queren recoller nun catálogo. «Penso que conseguimos o obxectivo de contribuír para coñecer mellor a historia da comarca de Ordes, e máis. E aínda é moito o traballo que resta para facermos», afirma Pazos.