Aver. Nin moita xente nin eu comprendemos isto: a Consellería de Educación, cunha acreditada doutora en Psicoloxía (USC) ó mando, decretou pechar dúas escolas infantís en Galicia: a larachesa de Comiáns e a brionesa da Luaña. Nun contexto normal, optimizando os recursos, cumprir a lei quizais xustificase a decisión, mais non agora, por favor, co andazo cabalgando desbocado. Descoñezo o caso do colexio da Laracha. Pero si que rastrexamos datos sobre a escola da Luaña: hai cinco alumnos e precísanse seis (¡só un!) para manter aberto o centro, a mestra ten novo destino e xa non culminará o ciclo inicial cos seus pupilos. Migrarán os cativiños a diario ó CPI de Pedrouzos, na capital municipal, máis atestado e distante. E isto execútase cando tanto se fala de dinamizar o medio rural e da querenza polas «aulas burbulla». Inda nestes días de agosto lemos nos xornais que os pediatras recomendan como mellor opción crear este tipo de xeitosos grupos e a boa ventilación. Pois na Luaña ben que se cumpren tales consellos.
Decote no noso mundo gástanse moitos euros en cousas prescindibles ou fatas, no medio da pandemia que nos tolle. É difícil entre os xestores públicos a toma de decisións, aquilatando os recursos ás necesidades sociais. Porén, neste caso, non semella un dispendio astronómico nin autonómico manter viva unha escola infantil rural. A educación, o Sapere aude! ilustrado, debe ser unha aposta prioritaria, esencial. ¡E son só dúas EEI quen carecen dun estudante para que as normas vixentes as deixen abertas! ¿Haberá que recuar ós tempos centenarios nos que os emigrantes erguían e financiaban escolas parroquiais de seu, cando o Estado non as construía?
Seica na decisión non hai volta. Os fríos cálculos económicos e estatísticos pode que xeren razón nesta desfeita. Seguramente é legal. Certamente é errada. ¿Non é posible reconsiderala? Leis mutables, excepcións. Con todo, son pirrónico nisto. TICs, si; pero sen esquecer os valores do maxisterio, das humanidades...
A Luaña, estudada e cantada no libro homónimo (1979) polo seu veciño catedrático de Economía na UCM, Andrés Suárez (1939 ? 2005), ficará agoniada e triste. E, se non ten remedio, Vanesa Calo, profesional perruqueira en Negreira, levará o seu fillo -Iago Cerván-, á escola de Bastavales ou á de Pedrouzos. Total, só lle vai supor máis tempo, ansiedade, gastos... Outras nais e pais farán o mesmo. Abraia, doe. E tampouco o entenden.