Nerea Rodríguez: «As aulas virtuais deberían potenciar máis o libro dixital o próximo curso»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN CARLOS GIL

Docente de educación infantil e pedagoga, investigou na USC sobre este recurso educativo, que se viu positivo na pandemia

08 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nerea Rodríguez Regueira é un exemplo de como aproveitar na práctica profesional persoal a investigación académica sobre un tema dE actualidade. Exerce como profesora de infantil no colexio Balaídos, de Vigo; e en xullo finalizou con éxito o seu doutoramento, defendendo na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago a investigación Los libros de texto digitales. Un análisis descriptivo e interpretativo de sus características, coa orientación do profesor Xesús Rodríguez.

-Como fixo este estudo e que conclusións destaca?

-Comecei no curso 2012-2013, cunha bolsa. No estudo analizo materiais de libros de texto dixital das editoras Anaya, Xerais, Rodeira-Edebé e Text-La Galera e revisei traballos de investigación internacionais sobre o tema. Nas conclusións diferencio materiais de primeira xeración, que serían a reprodución en dixital do libro de texto en papel, con algún recurso multimedia a maiores; e unha segunda, e mesmo unha terceira xeración, con mellores características, con produtos pensados para dixital, máis avanzados. No 2016 o traballo a Sociedad Española de Pedagogía premiou esta investigación.

-Utiliza o libro dixital no seu traballo como docente?

-Son mestra de educación infantil e habilitada para primaria. Utilizo algún recurso dixital, aínda que en infantil traballo principalmente de maneira moi manipulativa co alumnado. Este ano no colexio tiñan robots e tabletas, que me foron de utilidade.

-Como debe ser o libro dixital?

-Entre as principais características debe estar a multimodalidade, que os contidos presenten textos, imaxes, vídeos, recursos de audio, hipervínculos e outros. Tamén é moi valiosa a súa adaptabilidade: que o profesorado o poda axustar ao traballo na aula e aos intereses do alumnado; e que favoreza a interacción entre docentes e escolares.

-E como é o que se está a usar?

-En primaria está implantado nos últimos anos, para o alumnado de quinto e sexto, e mudan para o curso próximo. Na miña tese de doutoramento non me centrei exactamente nesa oferta vixente para o ensino galego, que foi mellorando desde os inicios. Agora mesmo xa hai libros dixitais para todos os cursos de primaria e para a ESO.

-Incorporan novidades os novos textos do próximo curso?

-Incorporan, si, polo que coñezo. Os da editora Edebé inclúen intelixencia artificial, que ofrece novas posibilidades; por exemplo, o alumnado fai as actividades que se propoñen no libro de texto dixital e, en función da súa resposta, ten a opción de facer outras actividades de reforzo ou de ampliación, segundo o caso.

-Hai interese profesional do profesorado neste recurso?

-Non vin moito interese nos meus anos de experiencia, aínda que no curso pasado, pola situación sanitaria da covid, si que se usou moito máis. De feito, a Consellería de Educación abriu E-Dixgal [a plataforma de educación dixital] para que a puidesen usar todos os centros educativos e a maior parte das editoras colaboraron. Penso que para o alumnado de quinto e sexto de primaria, máis familiarizado con E-Dixgal, seguir a actividade a distancia no confinamento foi máis proveitoso, e que aí se viu como é unha iniciativa positiva.

-Terá máis uso o próximo curso?

-O protocolo de Educación contempla que todos os centros teñan habilitadas desde setembro aulas virtuais, que debería potenciar máis o uso deste recurso.

-Aumentou moito a venda do libro de texto dixital?

-O libro de texto supón o 33 % do mercado editorial e, desa cantidade, só o 3,6 % corresponde ao libro de texto dixital. Hai que ter en conta que os libros de texto en papel inclúen polo xeral un código que permite acceder aos materiais dixitais, e iso inflúe.