Juan Manuel Lema: «O futuro da sociedade depende da ciencia, e é difícil convencer que é así»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O recente convenio co Parlamento e a proposta dun pacto galego buscan convencer do seu valor e necesidade, di

29 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) asesorará no Parlamento de Galicia en temas de debates relacionados coa ciencia ou con problemas que requiran un coñecemento específico, como a contaminación por lindano, o problema do radon, e outros. Así consta nun convenio que asinaron o 12 de decembro as dúas institucións. Poucos días despois, desde as páxinas de La Voz de Galicia, o presidente da RAGC, Juan Manuel Lema Rodicio, lanzaba a proposta dun pacto pola ciencia en Galicia. Son dúas iniciativas centrais do seu primeiro ano no cargo, que asumiu o 23 de xaneiro na cidade.

-Que pretende o acordo co Parlamento de Galicia?

-A idea é que moitas veces no Parlamento debaten temas con trasfondo científico; e os parlamentarios non teñen preparación e coñecementos suficientes, ou non están ao día, que non teñen porque estar loxicamente, e toman decisións que, cunha base máis sólida podían ser diferentes.

O primeiro obxectivo é asesorar. E se nos piden unha análise da situación da ciencia en Galicia ou outro asunto da nosa competencia pois tamén o faríamos, claro.

-En que asuntos poden asesorar?

-Por exemplo en temas como o lindano, o cambio climático, a mina de Touro, os eucaliptos ou a acuicultura. A RAGC ten a vantaxe de ser un órgano independente e podemos expor as nosas ideas cunha certa liberdade, sen un interese concreto. É unha oferta que facemos xenerosamente para a sociedade, co obxectivo de conseguir que se aprecien máis os valores científicos.

Na RAGC queremos estar presentes na sociedade.

-Pensan que non o están aínda?

-A ciencia non está introducida suficientemente na sociedade. Todo o mundo pensa que a ciencia é interesante, e non importante, esa é a diferenza. O futuro da sociedade depende da ciencia, e é difícil convencer de que é así. E até que non se asuma iso teremos un problema.

-Como pensan que poden asesorar no Parlamento?

-O modelo que propomos é diferente a outros. En Cataluña hai un Comité Parlamentario de Ciencia, propio da Cámara; no Parlamento de Madrid, unha asociación privada externa fai convenios coa Cámara. Aquí partimos dun acordo base entre o coñecemento e a experiencia das persoas que integran a RAGC, que fan unha oferta de colaboración, que o Parlamento pode ou non aceptar. E a RAGC tamén pode propor algunha idea á Cámara.

-Que perspectivas teñen?

-Tivemos unha primeira reunión, posterior á sinatura do acordo, onde representantes dos cinco grupos parlamentares indicaron que, de entrada, lles parecía unha idea excelente. Falamos do estado da ciencia en Galicia, porque é importante que o Parlamento tome conciencia de que é necesaria e importante. Preguntamos canto tempo lle dedicaron á ciencia na actual lexislatura, e o certo é que foi pouco.

-Por que pensa que foi pouco?

-En parte porque a ciencia é un tema que non está na rúa e resulta difícil convencer ao conxunto da sociedade, e tamén ao Parlamento, da importancia da ciencia a medio e longo prazo.

-Tamén propón un pacto da ciencia en Galicia, como sería?

-Consistiría nunha participación ampla da sociedade política, económica, sindicatos e outras representacións, para promover unha conciencia de país e a necesidade dunha política activa de apoio á ciencia e á tecnoloxía.

-Como sería iso?

-Debería haber uns principios básicos para o avance e o progreso de Galicia, que todo o mundo asumise; e moi probablemente tería que haber lexislación que os recollese, para iso o Parlamento ten unha importancia moi grande.

«Todo o mundo pensa que a ciencia é interesante, e non importante, esa é a diferenza»

«Debería haber uns principios básicos para o avance e o progreso de Galicia, asumidos por todos»