Hai décadas xa que non piso o Obradoiro na noite do 24 de xullo. Tampouco é que puidera facelo moito de nena. Non era nada doado entrar cunha prole de cativos tan extensa que sumaba dous díxitos. Cunha praza ateigada entón ata niveis hoxe impensables e insostibles, a noite do 24 facíase imposible. Para nós quedaba a do 31, máis factible para os pais de familias numerosas no acceso e no control das súas crianzas. Era a noite dos fogos pequenos, que non cativos. Así se lles coñecía. E realmente o eran. Nada tiñan que ver cos da véspera do Apóstolo, pero alí estaba a nosa ocasión de presenciar tamén en primeira fila o que unha semana antes só nos permitía intuír o estrondo e a luz que tomaban o ceo de Compostela. Moito mudou o espectáculo. A pirotecnia, entón raíña absoluta, cedeu protagonismo ante as novas tecnoloxías e pasou a integrarse nunha exhibición audiovisual que non deixou de sorprender, as máis das veces, dende os anos noventa. Só a traca final, en ocasións con pouca gloria, recorda os tempos en que só a pólvora daba vida ao espectáculo. E son miles, moitos miles, os que agardan a noite do Apóstolo dende múltiples miradores urbanos para enfocar a mirada cara ao quilómetro cero da cidade e sentirse parte da festa e da tradición que a acompaña dende hai séculos. E non debe descoidarse esa parte. Pero tamén son miles os que non poden entrar na praza e que quererían vivir en directo ese xogo de imaxes, de deconstrucións e reconstrucións virtuais da cidade. A eses, e a moitos turistas, seguro que lle valen tamén as réplicas do espectáculo audiovisual. Quizais Raxoi debería asumir, cara adiante, que esa posibilidade non quede ao albur das ofertas das empresas.