O dentón, un fungo nun documental

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A produtora Illa Bufarda ten en marcha unha campaña de micromecenazgo para desenvolver o proxecto 

12 mar 2019 . Actualizado a las 04:55 h.

«A miña avoa traficaba con LSD». Esa frase, pronunciada por unha amiga de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, as responsables da produtora creativa Illa Bufarda, foi a orixe de O dentón, un documental no que repasarán a historia deste fungo do centeo. Nestes momentos, están coa fase final da campaña de micromecenado -remata o venres 15- para acadar o financiamento necesaria para executar esta iniciativa na que levan traballando desde o ano 2016. Precisan, segundo explicaron Sabela e Adriana, un mínimo de 8.800 euros -onte estaban pendentes de obter preto de 1.500 euros-. Se conseguen esta cifra, despois poñerán en marcha unha segunda fase para conseguir 14.450 euros, unha cantidade que lles permitiría desenvolver mellor o proxecto.

A intención de Illa Bufarda é iniciar en xuño ou xullo as primeiras gravacións deste documental, que pretenden ter rematado no ano 2020. No filme queren reflectir a historia do dentón, que tivo aplicacións e influencia ao longo da historia en campos da antropoloxía, a farmacoloxía, a botánica, a economía ou na medicina. Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva destacaron que as zonas onde máis incidencia tivo este fungo do centeo foi en Lugo, Ourense e a zona norte da Coruña. As produtoras lembran a ligazón deste fungo do centeo co nacemento da empresa Zeltia e coa aparición do LSD a nivel mundial, xa que a partir do dentón pódese sintetizar este ácido alucinóxeno.