«Os atranques do entroido adoitan ser moi machistas e iso hai que cambialo»

Carmen Domech, autora e directora de «As xeneralas da Ulla», incorporou este ano medio cento de bonecos ao espectáculo co que dá voz ás mulleres


Santiago / la voz

Conforme avanza o recendo a cocido e filloas vai chegando a hora de desempoar os traxes para o entroido da Ulla e ensaiar as coplas coas que se lucirán ante o pobo xenerais e correos. Nestas angueiras anda tamén Carme Domech (Madrid, 1963), que, da man de Títeres Cachirulo, puxo en marcha hai tres anos un espectáculo onde as mulleres pasan a ser as grandes protagonistas.

«A idea xurdiu porque eu vivo en Teo e acostumo ir aos atranques. O certo é que adoitan ser moi machistas, aínda que hai de todo coma en botica, pero é algo que hai que cambiar. Trátase dunha manifestación cultural moi bonita e paréceme importante este rexurdimento que está vivindo nos últimos anos, co apoio institucional. Non obstante, creo que, aínda que hai que conservalo, certas cousas necesitan adaptarse aos tempos que corren», indica a autora e directora do espectáculo As Xeneralas da Ulla.

Ela, que leva preto dun cuarto de século en Galicia, recoñece que cada vez hai máis xeneralas no entroido da Ulla, «pero seguen a ter unha presenza minoritaria, e a idea é que falen doutro xeito». Con esta premisa naceu a montaxe de Cachirulo máis carnavalesca. Domech encargouse ela mesma de facer, coa axuda do mestre belga Chris Geris, as marionetas de madeira das dúas xeneralas e outras tantas correos que percorren as rúas enriba dos seus cabalos articulados, cada un deles sobre un carro con rodas -para maior liberdade de movementos-.

Cada ano incorpórase algo novo ao espectáculo e, desta volta, foron medio cento de bonecos de trapo que representan as distintas manifestacións do entroido galego. Peliqueiros, pantallas, cigarróns... Figuras presentes noutras 19 zonas, máis aló da Ulla. «Saen nun momento da función para facer unha chiscadela a toda esa riqueza que temos», sinala a súa creadora, quen empezou a construír este batallón de don Carnal o ano pasado.

Catro intérpretes en acción

Catro mulleres están tras as xeneralas e correos de Cachirulo. Xunto a Carmen Domech, Mercedes Luaces, Beatriz Insua e Olalla Suárez. Estas dúas últimas, ademais, fan gala das súas dotes na música tradicional e como cantareiras para poñer a música en directo á representación.

«As nosas xeneralas e correos tamén levan bandeiras, que neste caso representan a ecoloxía, a paz, a muller e as artes. E nos atranques, nese combate verbal no que se enfrontan, van defendendo cada unha o tema que levan por estandarte».

Aínda que contan cun guión fixo, nas parroquias que se prestan fan unha semana antes do espectáculo un taller con algunha asociación de mulleres, do que saen coplas e altos que logo se inclúen na actuación. «É algo que facemos dende o comezo, e é moi divertido. As mulleres maiores non teñen criba para os atranques. E no entroido todo se pode dicir, pero intentamos facelo sen faltar a ninguén», apunta Domech entre risas. Dese modo, a sorna local propia do entroido forma tamén parte da proposta.

«Este ano tamén estou facendo xoguetes de papel arredor do entroido galego e imos realizar obradoiros con nenos para que os constrúan, ademais de colgar os recortables na nosa web para que calquera os poida descargar na casa», avanza a alma máter das Xeneralas da Ulla, unha tropa que combate pola igualdade. Tras dar unha primeira función no CPI de Vedra, teñen xa pechadas outras oito polas parroquias de Santiago. Paga a pena velas.

«As Xeneralas da Ulla». Espectáculo de rúa de Títeres Cachirulo, duns 45 minutos, apto para pequenos e maiores. Creado e dirixido por Carmen Domech, tamén participan Mercedes Luaces, Beatriz Insua e Olalla Suárez.

As marionetas. Feitas por Domech, coa colaboración do mestre Chris Geris, da compañía belga Plansjet.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Os atranques do entroido adoitan ser moi machistas e iso hai que cambialo»