«Ás veces é difícil non ter que pechar algún centro»

La Voz

SANTIAGO

Sandra Alonso

Destaca os problemas para encontrar persoal substituto e os maiores servizos dos centros de saúde

28 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A área sanitaria de Santiago recibiu esta semana dous premios para atención primaria. Felipe Calle, director de procesos sen ingreso da xerencia do Sergas, afirma que «aquí potenciamos moito os vínculos entre atención primaria e hospitalaria, ou que o paciente crónico se atenda no domicilio».

-Leva cen días no cargo directivo, como os valora?

-Estiveron condicionados polos traslados de médicos, e os de enfermaría, que van finalizar proximamente. Tamén por concretar unhas prazas de médicos que van favorecer a estabilidade confío que nun prazo duns quince días, ás que seguirán outras para enfermaría en decembro. A nivel organizativo traballamos nun novo proxecto de e-consulta con medicina interna, pois este servizo supón o 30 % das hospitalizacións no CHUS.

-Que problemas ve na área sanitaria?

-Temos o cadro de profesionais médicos máis envellecido quizais de Galicia; por iso se autorizan moitas peticións para prolongar a idade de xubilación, pois tamén hai moitas dificultades para as substitucións. Ás veces é difícil non ter que pechar algún centro por esa complexidade na xestión do persoal, aínda que case sempre estamos solucionando ben os problemas que se presentan.

-Traballan todos os profesionais en equipos de atención primaria?

-Todos, excepto un que continúa co vello modelo de APD; hai outros dez APD que están integrados nos equipos.

-Notan a integración da primaria co hospital?

-Nos 20 anos que traballei como médico detectei que se necesitaba máis liña directa no centro de saúde co hospital. Iso mellorou coa e-consulta, que é un vínculo de unión e soluciona incertezas e dúbidas en atención primaria. Tamén hai novas vías de petición de probas e traballamos para incorporar outras, como o test do alento para detectar helicobacter pilory; e é un propósito firme conseguir que a ecografía chegue a todos os servizos de atención primaria.

-Os últimos meses medra a teleasistencia, que perspectivas hai?

-Temos 225 doentes incluídos, de diversas doenzas crónicas, que a través dun dispositivo conectado con Internet e a tecnoloxía que se lles ofrece envían datos da súa saúde á hora acordada cos profesionais. Tamén en consultas do hospital hai interese neste sistema. Xa se pode utilizar no 50 % dos centros de saúde e o próximo ano confiamos chegar a todos, coa intención de que teñan máis servizos.

-Está ben organizada a área sanitaria?

-Penso que é necesario reordenar o mapa sanitario para dar mellor cobertura asistencial á poboación, con centros máis resolutivos en moitos concellos. A distribución é complicada e tamén hai dereitos do persoal que se deben ter en conta.