Parvadas

Tamara Montero
Tamara Montero CUATRO VERDADES

SANTIAGO

04 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Había unha rapaza, só unha, que falou galego na escola. Dixen ben, falou. O vicio quitóuselle cando os compañeiros empezaron a chamala pailana. Con dificultade, pensando moi ben como ganduxar as palabras, os avós, que falan sempre galego entre eles, no parque usan o español para lle dicir aos netos que coman a merenda coa mochila ben agarrada. Ikea aínda non fala galego. Acordoulle cando se puxo en marcha unha campaña. Outra está pedíndolle a Duolingo que se lembre do galego. Que tamén queda quen o fala. Se quere ser atendido en galego, prema un. E en perfecto español contestan á chamada. Que máis ten, non entendes castelán? Esa adoita ser a resposta. Coma unha labazada.

Agardar máis polos papeis da hipoteca porque hai que traducilos. As cousas dos cartos son serias, non son para andar a poñer galegadas. A televisión? Con unha ou dúas en galego ben vale, total, o que importa é o inglés. O resto é todo unha trangallada. Puxen no móbil o galego como idioma preferido. Segue falándome de ajustes, reloj e sugerencias. Aínda non entendo por que pasa.

Pedir un café con xeo e sempre o mesmo intercambio de palabras: «¿con hielo?» Si, con xeo. Se pido un con leite, pasa o mesmiño. Traducen a comanda. Que queden sorprendidos cando á observación de que tes moito acento galego ti contestes que moitas grazas. De onde vou ter acento? De Málaga?

Do que dixo Toni Cantó no Congreso o outro día sobre un castelán que desaparece non vou dicir nin palabra. Sobran os feitos enumerados nesta columna para non ter que contestar a parvadas.