Españolismos

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez CON BISTURÍ

SANTIAGO

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Amiña sobriña Julia, que ten dez anos e fala un galego para enmarcar, cambia ao castelán cando se dirixe a min, que son castelán falante. O mesmo fai Cruz, e ás veces, moi poucas, miña nai. Por desgraza, aínda me descubro sorprendéndome cando escoito a un rapaz novo e que vai marcando estilo pola rúa falando galego. Ninguén se me dirixe en galego en primeira instancia por cortesía, e si o fan coa miña avoa. Ela aínda cambia ao castelán por cuestión de respecto, cando ela é a que o merece en primeiro lugar. Non coñezo o primeiro neno castelán falante que acabase galeguizándose na escola. Ao contrario, uns cantos.

Nestes días a campaña micro españolismos circula nas redes sociais contando pequenas anécdotas que demostran que o galego non exclúe a ninguén e ás veces aínda atopa moitos obstáculos para desenvolverse. Todos os vivimos algunha vez. Aínda hai moitos que se asustan de que a un profesor se lle esixa o coñecemento do galego, cando a metade das materias se deberían dar nesta lingua, ou a un profesional sanitario un lixeiro dominio, cando hai centos e centos de traballadores que veñen doutras comunidades e ninguén os somete a unha tese doutoral sobre a lingua.

Hoxe é o día de María Victoria Moreno, o Día das Letras, o día da lingua e o día no que todos os políticos son os máis galegos do país. Mañá xa volverán ás súas teimas, a falar o que queiran e a opinar de imposicións, de asoballamentos ou inmersións. Pero que ninguén diga que aquí se discrimina aos que falamos castelán ou que nos queren impoñer o galego, por favor, que hai falacias que non aguantan un asalto.