Espiño, espiñas

Tamara Montero
Tamara Montero CUATRO VERDADES

SANTIAGO

07 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

OEspiño manca. Doe. Magoa. Esmorece. Sen laios. Sen grandes ruídos. Vai desaparecendo aos poucos. Calado. Foi desaparecendo aos poucos mentres se discutía nos despachos. Moito se falaba da finca, do palacete, de conservalo, de recuperalo. De amañalo. Pero o Espiño, calado, ía marchando. Comido polas plantas. Derruído polos anos. E primeiro deste xeito, e logo que mellor cambiamos E despois aproban un proxecto. E logo, co das obras, tardan anos. E xa non serve. Xa non serve o que pensaran nos despachos. Porque o Espiño é outro Espiño. Porque é máis cativo. Porque está máis canso.

Din agora que si, que desta vai, Que o Espiño vai ser recuperado. Que servirá como Concellería de Medio Ambiente. Que vai revivir ese anaco de Santiago. Que está todo amañado. Que o palacete xa non ter que ir desaparecendo aos poucos. Que non vai esvaírse sen ruído. De vagar. Só. Calado. Que se recupera o proxecto. Que as obras, segundo os plans, estarán rematadas nun ano. Que é a derradeira vez que acontece. Que esta é en serio. E que xa non temos que preocuparnos.

Pero os composteláns miran cara a atrás. E entre as pingas da chuvia eterna deste recuncho empedrado, ven o que aconteceu. E o futuro que lle presentan para eles non está tan claro. Porque o Espiño, tantas veces revivido, nunca resucitaba. Sempre quedaba aí. Murchando. E non están moi convencidos. Polo menos ata que non vexan obrando. Por iso, mentres os que deciden non se dan decidido, os que miran andan algo apagados. Porque si que son quen de ver un palacete, aos poucos, marchando. O Espiño ten espiñas. E con cada fracaso vanse cravando.