Abe Rábade: «A propia música pídeme explorar outras facetas»

O compositor inaugura o sábado unha mostra na que une fotografías e palíndromos

.

Na fronteira do espello. Ese é o próximo traballo do pianista e compositor compostelán Abe Rábade que verá a luz. Pero non se trata dunha obra musical nin dun disco, senón dunha exposición na que incidirá na súa faceta de fotógrafo. Imaxes que, ademais, acompañará dun texto, neste caso un palíndromo -lese igual de esquerda a dereita e de dereita a esquerda-. Trátase de dezanove pezas, con dezasete cun verso en galego e as outras dúas en inglés, que poderán verse desde o sábado -a mostra inaugurase ás 21 horas- ata o 21 de marzo na sala Os Catro Gatos. A exposición tamén inclúe un videopoema Auga.

«Desde hai varios anos tiven un frechazo co mundo da fotografía», explica Abe Rábade, que aos nove anos fixo o seu primeiro curso para aprender a manexar a cámara. Pero é desde o 2014 cando de xeito diario sentiu a necesidade de facer fotos. De aí, xurdiu a primeira mostra no 2016, Covas de luz, que tiña como fío condutor os reflexos de auga. Esta ten características diferentes. A primeira é que todas as imaxes foron captadas co móbil: «Se vas a caza de fotos significa que levas a cámara réflex, pero o meu tipo de vida nómade implica que o que levo sempre enriba é o móbil porque as fotos aparecen cando lle dá a gana». O outro elemento que varía son os versos, palíndromos que buscan dialogar coas fotos. «Trátase de maridar un texto en espello cunha imaxe, intentado que a foto sexa moi elocuente é que o texto xogue humoristicamente, descritivamente ou contrapuntisticamente coa ela», di.

Esta incorporación de versos non foi algo planificado. Foi o ano pasado cando Rábade descubriu a súa facilidade para facer palíndromos. «Penso que influíu a miña bagaxe como compositor porque iso si que o facemos constantemente, darlle a volta aos motivos, facer espellos...», afirma, a vez que lembra que o galego se presta moito aos palíndromos.

Aínda que a partir deste sábado mostrará a súa faceta como fotógrafo, Rábade non deixou aparcada a música. En maio sacará o seu novo disco e xa avisa: «A imaxe de portada está na exposición». Para o compositor, estas outras facetas son ramificacións da música. «Teño un grado de identificación tan grande coa música que fago que, dalgún xeito, a propia música pídeme explorar outras manifestacións que non teñen que ver propiamente con ela, pero si teñen que ver co seu pouso emocional. Entón, isto é unha expansión do universo musical», explica Abe Rábade, que volve a escribir e está nun momento de explorar facetas novas. Se algo ten claro o recoñecido músico «é que hai que deixar sempre unha ventá aberta para que o inesperado te sorprenda».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Abe Rábade: «A propia música pídeme explorar outras facetas»