O Castromil, dende o aire

Quique alvarellos

SANTIAGO

Ramón Sánchez Estalote

Estalote retratou o edificio a finais dos anos 50

30 oct 2017 . Actualizado a las 02:10 h.

Do edificio Castromil, do mítico Quiqui Bar, temos visto imaxes dende case todos os ángulos e épocas. Dende as obtidas por Luis Chicharro, acabado de contruír, no ano 1926, ás que documentaban a vergonza da súa destrución no outono de 1975. Hoxe traemos, non obstante, ás nosas Fotohistorias unha que pensamos é inédita, nunha perspectiva tamén moi nova -e moi impactante- desta xa mítica xoia da nosa arquitectura perdida. Unha fotografía aérea do Castromil cuxo autor é Ramón Sánchez Estalote (Santiago, 1908-2002) e que foi obtida a finais dos anos cincuenta ou comezos dos sesenta.

O experto en aviación Xerardo Rodríguez Arias afirma que esta fotografía, posiblemente, estea tomada dende unha avioneta do Real Aero Club, aparato pilotado, con toda probabilidade, por Ricardo Bescansa, gran afeccionado tamén á fotografía.

Este punto de vista do fotógrafo, co edificio no centro, esta panorámica dende o ceo, engrandéceo aínda máis aos nosos ollos. Diante del, unha ampla praza (daquela chamábase Plaza de Vigo) custodiada polos templetes da estrutura modernista e a arquitectura do Hotel Compostela (único supervivente hoxe).

Estatole, sempre intuitivo coa historia desta cidade que tanto amaba, non dubidou en obter esta perspectiva aérea, nada habitual, e custodiala no seu arquivo, fixando para nós, para o futuro, un espazo que hoxe só é memoria mancada. (Queremos agradecer aos herdeiros de Estatole as facilidades dadas para a consulta do arquivo do artista, e tamén ao Consorcio de Santiago).

Na fotografía, á dereita, tamén observamos un terreo baleiro, o que hoxe é o Edificio Viacambre, no Hórreo («impactante» tamén, pero por todo o contrario ao Castromil). E abaixo, á dereita, o solar onde logo se alzaría o Hotel Araguaney.

O edificio Castromil foi obra, como sabemos, do arquitecto coruñés Rafael González Villar. Lembremos que na praza de Galicia queda na actualidade en pé outro edificio do mesmo autor -esquina coa rúa do Hórreo- e que debería ser obxecto de protección.

Entrementres, volvamos de novo a ollada a esta imaxe única: se nela trazamos unha cruz, o centro magnético non é outro que o chorado Castromil.

editor@alvarellos.info