Xa non renxen os banzos co peso dos que atravesaban aquela porta verde das Casas Reais para mercar o cacao en po que adozaba os almorzos os días especiais. Tampouco berra Moncho no patio do Porrón, o Porrón de verdade, que a ver se calades, que aquí non se pode cantar. Como se aquilo fose unha cousa distinta. Como se non fose un bar. Tampouco recende a letras nos soportais da Rúa do Vilar. Hai xa ben de anos que da librería Galí non queda nada. Só os que aínda a poden lembrar. ¿Calzados Severino? Hoxe é un bar. A sala Yago só serve para pendurar anuncios. E tamén dar que falar. Á mercería da praza de Cervantes xa ninguén a sabe situar. Ou do señor Daniel, o zapateiro, que xa non me acorda nin cal era o portal. Para pedir os xoguetes xa non vale o Bazar de Villar. O Asesino mete medo. Non hai quen colla o edificio. Que como siga así moito máis non ha de durar. O pazo de Fondevila é de todo menos señorial. Aí segue, agonizando. Que a biblioteca non era gran cousa. Pero sacábache dun apuro deses de estudar. E así, aos poucos, sen podernos decatar, foron botándonos da casa. Que agora a isto chámanlle despexar. E onde antes estaba a tasca, agora hai un gastrobar. As tabernas chámanse agora vinotecas. Alcuman mariscada a calquera cousa que sae do mar. A casa onde vivían os avós dos rapaciños da escola hoxe non é máis que unha recua de cuartos. Chámanlle hotel, ou pensión, ou apartamentos turísticos, ata casa rural. Pero son xa paredes sen alma. Nin os veciños lle queren quedar. E agora morre pouco a pouco o edificio de Cantigas. Un máis. Os desaloxados somos os veciños. Quedamos sen Santiago os composteláns.