Chamábase a Tumbona polo argot da prostitución, pois no pasado seica pertencera ás que iniciaban ás meretrices no oficio. No edificio viviu a familia de Isaac toda a década dos 20 e inicios dos 30 (ata trasladárense á rúa Carretas). E por este taller pasou toda a intelectualidade galega de preguerra. Escribe Isaac, nun dos seus artigos publicados en La Voz no ano 2000: «Pola casa pasaron Castelao, Pedrayo, Picallo, Cabanillas, os Carré, Tafall, Bóveda, V. Casas, Valentín, Cotarelo... ademais dunha manchea de artistas, arquitectos, clérigos, frades, deáns e arcebispos».
A imaxe (que foi publicada hai anos nunha homenaxe a Isaac) reflicte unha típica xornada de traballo dos artistas. Nun letreiriño ao fondo, pendurado do teito, pode lerse «Trabajad en silencio». Pegado a esta foto, nun papel mecanoscrito, aparece este pé (pensamos que do propio Díaz Pardo): «No galpón que construíran na horta da Casa da Tumbona que servía de taller de escenografía. A fotografía é de 1921. O pai de Isaac, axeonllado, ten a Isaac no colo e sentada no chan a carón está a súa irmá Mercedes. En primeiro termo está Salvador, fillo de Xenaro, xastre e sacristán do Carmen de Abaixo, operario que traballou sempre con Camilo en Santiago».