«Que o real equivale á verdade é falso»

Brais Capelán

SANTIAGO

Sandra Alonso

A cineasta lisboeta presenta en Numax o seu segundo documental, «Eldorado XXI», dentro da xornada de Cineuropa

21 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A semana arranca cunha nova xornada de Cineuropa, que contará entre a súa programación con outra sesión da aula Os ollos verdes de Numax. A invitada nesta ocasión será Salomé Lamas (Lisboa, 1987), que presentará o seu segundo documental, Eldorado XXI, no que explora a civilización de La Rinconada, a poboación a maior altitude do mundo. Como en Terra de ninguén, o seu primeiro traballo de longa duración, Lamas apoia o seu relato nas historias que contan os protagonistas. O coloquio será ás 18.00 horas e a película comezará ás 20.15.

-¿Cal é o límite entre realidade e ficción?

-Esa cuestión é interesante desde o punto de vista académico. Ás veces interesan elementos dos documentais para o cine e viceversa. O documental está construído sobre a realidade e para que as estruturas formen unha base sólida son necesarios elementos da ficción. E mesmo o cinema documental procura a actuación máis real, máis honesta, mais no fondo estamos a crear paraficcións, que non é unha impresión directa do real; hai que construíla. A idea de que o real equivale á verdade é unha ecuación que é falsa.

-Nas súas obras parece que deixa ao espectador liberdade de pensamento sobre o que está a ver.

-Interésame que o espectador sexa activo, que intente interpretar o que eu propoño. Sería moi arrogante pola miña parte xulgar algo para o que non teño ferramentas e realidades que non son as miñas. A miña idea é sempre a de facer unha translación do real e nunca de apropiación desa realidade.

-¿Que cineastas influíron na súa obra?

-No fondo é unha mestura de todo; non o teño claro. Interésame, pero non son fan, o documental máis abstracto, pola súa forma distinguida de tratar ao real. Non hai un realizador particular, senón que me interesa a forma na que conta historias.

-¿Como evolucionou a súa forma de facer cine en «Eldorado XXI»?

-Non sei se hai cambio, pero hai madurez. Eldorado XXI é máis complexo, porque Terra de Ninguén é un proxecto financiado polo goberno portugués e Eldorado XXI ten unha coprodución internacional por detrás e ten un orzamento moi diferente. Iso permitiume traballar cun equipo maior nun proxecto moi específico, con necesidades de produción concretas. Puiden traballar cun equipo marabilloso que en outras condicións nos sería posible.

-¿Como foi a súa experiencia persoal en Perú?

-Foi moi dura, polo territorio marxinal no que estabamos. Era algo difícil de describir porque estaba en constante transformación. Foi difícil o traballo por estar na cidade máis alta do mundo, sobre todo polo feito de non poder facer noite alí, porque a sociedade local non o permitía. Tiñamos que regresar durante dúas horas todos os días. Estamos ante unha realidade na que o filme era unha cousa moi minúscula para aquelas persoas, non lles interesaba nada. Pretendía un filme híbrido, unha docuficción na que non houbese actores profesionais. Todos os días creaba un show novo e tiña que refacer o guión. Cando regresei a Lisboa vin que o filme era aquilo, algo complexo.

-¿Cal é a mensaxe final que transmite «Eldorado XXI»?

-O que eu fixen foi contar unha historia tratando de respectar o máxima daquilo que eu entendo coma realidade.