Cita como obxectivos ampliar as instalacións e incorporar Música Antiga
28 jun 2015 . Actualizado a las 04:00 h.José Luís Quintás foi confirmado recentemente como director do Conservatorio Profesional de Música da cidade para os próximos catro anos. Desempeñou o cargo o último ano, tras ser designado, con polémica, pola Consellería de Educación. Para a nova etapa avanza que persistirá na demanda de ampliación das instalacións, para poder ofrecer tamén novas materias. De momento, para o próximo curso, unha vez máis non haberá prazas para un numeroso grupo de alumnado que aspira a ingresar.
-Cando asumiu a dirección había sabotaxes, anónimos, estragos nas instalacións, ¿como resultou este primeiro ano no cargo?
-Foi tranquilo. Continuou a programación pedagóxica e as actividades que xa se ofrecían, mesmo se incrementou algunha, como o concurso audiovisual Manuel Balboa que convocamos en maio. O 91 % da comunidade educativa valorou, en cuestionarios que pasamos, que o clima xeral e de convivencia foi bo ou moi bo.
-¿Como se presenta o próximo ano lectivo?
-Pensamos manter un claustro de 57 docentes e unha matrícula de 530 estudantes. Estamos a dar estes días os resultados das probas de acceso, e unha vez máis moito alumnado que aspiraba a estudar no centro queda excluído por falta de prazas. É máis unha proba do pequeno que é este Conservatorio para a demanda que ten.
-¿Prevé solución para iso?
-É unha demanda constante, tamén das anteriores direccións. De momento non temos ningunha comunicación de que se vaia ampliar o Conservatorio; e continuaremos coas xestións para conseguir que se faga.
-¿Por que obxectivos traballará o equipo directivo entre 2015 e 2019?
-Temos que integrar o centro mellor na cidade, que sexa máis referente, e para iso tentaremos traballar para satisfacer demandas musicais da cidadanía e de todo tipo de agrupacións. Tamén nos preocuparemos de detectar as necesidades e demandas da comunidade educativa, para optimizar os recursos ao máximo.
-¿Prevén aumentar a oferta de especialidades?
-Queremos incorporar Música Antiga á nosa oferta, pensamos que é interesante para unha cidade histórica como Santiago.
-¿Que suporá iso?
-Poder ensinar novas especialidades, como clave, frauta de pico ou órgano. Aínda que para iso terá que haber unha ampliación das instalacións, se non vai ser complicado. Tamén nos preocupa diversificar máis a oferta actual.
-¿Que é o que queren diversificar?
-A demanda aínda está moi concentrada en tres instrumentos, que son piano, guitarra e violín. E hai outros que teñen importantes posibilidades e non se solicitan en parte porque non se coñecen, como a tuba, o fagot, a trompa, a viola e outros.
-Anteriores directores tamén dicían o mesmo...
-Hai moitos anos que se traballa con esa idea, e faremos novos esforzos e novas propostas. Este ano, por exemplo, promovemos un grupo de cámara de saxofón, e o próximo curso contaremos cun comité artístico de orquestra, e pensaremos outras posibilidades, na procura dese obxectivo, porque é importante para o centro.
josé luís quintás carreira director do conservatorio profesional de música
«A demanda aínda está moi concentrada en piano, guitarra e violín»