Di que «se non estamos unidos non podemos loitar polos nosos dereitos»
26 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A Asociación de Empresarios de Padrón, Rois e Dodro pecha as súas portas despois de 25 anos en funcionamento. Ao presidente da comisión liquidadora da entidade, Xaquín Canabal Vázquez, que presidiu o colectivo nos últimos cinco anos, o peche quítalle o sono porque, de entre os 94 socios que ten na actualidade a asociación, ningún foi quen de dar o paso adiante e tomar o relevo. Mostra, quizais, da desunión e do «fracaso» dun sector que non valora o traballo que fai o colectivo, pero que o botará de menos, di Canabal.
-¿Como valora todo o sucedido na asociación ne que derivou na decisión de pechar?
-Moi negativamente porque a asociación non ten porque acabar desta maneira. Hai preto dun ano que estabamos falando xa da renovación da xunta directiva e as expectativas eran de que sería moito máis fácil conseguilo. Pero as últimas semanas foron decepcionantes porque, pese a falar persoalmente con varios socios, non hai interese por parte de ninguén de seguir adiante, e menos en ser o primeiro ou o segundo da entidade.
-¿Non era previsible á vista da pouca afluencia que había nas asembleas?
-É certo que o interese foi minguando. Pero inflúe moito a época que vivimos, hai unha desgana en todo, total e absoluta. Pasamos de ter que sacar cadeiras nas reunións a ir a menos; o interese foi baixando e o lóxico é que houbera un grupo que participara activamente, con rotación na xunta directiva.
-De 94 socios, ninguén quixo ser presidente. Iso foi unha sorpresa, ¿non?
-É a principal desmotivación. A xente non se da conta do que vai perder co peche da asociación, do peso que facemos entre todos, de que se non estamos unidos non podemos loitar. Lévolle dado moitas voltas ao tema pero parece que é a min a quen máis lle doe.
-¿Que supón o peche da asociación?
-Supón un retroceso enorme e non solo pola actividade que xa non fará, senón tamén porque é un símbolo de unión e loita polos dereitos que nos corresponden. A labor da asociación beneficia a todos os veciños, non so ao comercio e a industria.
-¿Que vai pasar co sector a partir de agora?
-Hai que ser optimista. Eu aínda teño un raio de esperanza de que alguén diga aquí estamos; hai que seguir loitando.
-¿Séntese un pouco responsable do peche da asociación?
-Si, pero a responsabilidade tamén é dos 94 socios, dos que ningún quixo poñerse ao fronte.
xaquín canabal Vázquez
presidente dos empresarios de SAr