O pai orgulloso de Max
Goldi atópase cómodo no papel de Basilio Lorca e traballando con Globomedia. Os capítulos que se están a emitir agora están todos gravados, e haberá que confiar en que haxa unha terceira tempada. Gústalle ver a serie como todo o mundo, cando a emiten, coa súa compañeira, no sofá. Claro que non sempre é posible, porque teñen un pequerrecho, Max, que reclama máis atención que o seu pai facendo de garda civil. Por certo, un pequeno Max que, practicamente, naceu predestinado a chamarse así: «Por moitas cousas -explica agora o Goldi pai-, por Max Estrella, por Mad Max...». Na casa fan chanzas co feito de que, ao ser fecundado in vitro, foi o máis resistente de tres embrións que lle implantaron á súa nai, e iso fai que o actor adapte unha frase cinematográfica da película de George Miller: «Tres entran [na peli son dous], un sae».
O seguinte proxecto de César Goldi é unha minixira con Chévere para facer unhas sete ultranoites dedicadas a Roberto Vidal Bolaño.