«Semella unha campaña boa»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

Os pescadores están á espera de que baixe o caudal para traballar

03 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O río Ulla ao seu paso pola parroquia de Herbón, no concello de Padrón, vai inmenso, impresionante, tanto que o elevado caudal de auga cobre as segundas pesqueiras de lamprea do tramo fluvial, As Vellas, impedindo a pesca tradicional deste peixe a pesar de que a veda neste tramo abriu o pasado venres.

Así o conta un dos pescadores con licenza, Severino López Vidal, veciño de Herbón de 47 anos e que leva dende os 13 indo ao río a pescar lampreas. Á vista de como está o Ulla, este home fala de que «semella unha campaña boa».

Nas pesqueiras do río As Vellas non poden botar as redes nin nos ocos aos que se chega a pe, por quedar as paredes de pedra sumerxidas, algo que si fan nas primeiras do Ulla, As de Areas, onde botan dúas redes a pe polo lado do río de Cortiñas. Este último tramo é moito máis bravo e Severino fala de que «non hai forma de meterse coa barca», que habitualmente usan para pescar.

O venres tamén abriu a veda no terceiro punto, O Canal, no que si botaron as redes. Severino explica que «pouco a pouco, malo será que non baixe» o caudal do río para pescar con normalidade. Pese a que tanta auga lles resta de traballar, este veciño de Herbón tómao con bo humor e di que «a auga dálle vida ao río, senón estaría como no mes de agosto, e así tamén lava».

Calidade e prezo

O cauce do río leva, aproximadamente, vinte días co mesmo elevado caudal de auga, «con mínimas alteracións», segundo explica o vixiante de recursos naturais da Xunta José Manuel Freire. Pola súa banda, Severino fala de que do venres a tarde a onte a mañá «xa baixou a auga». Tan pronto baixe máis, este pescador confía en capturar un bo número de lampreas.

Nas primeiras pesqueiras onte colleron dous exemplares por propietario. Levan todo o mes de xaneiro pescando alí e Severino conta que, en canto a calidade das lampreas, «hai de todo: xeitosas e cativas». ¿E o prezo? «Eu véndoas a 25 euros por exemplar pero hai sitios que non che dan eses cartos».

Pouco é para unha lamprea pescada de forma artesanal nunhas pesqueiras que datan da época dos romanos.

en directo pesca tradicional da lamprea no río ulla en herbón, en padrón