Luís Iglesia e Xabier Deive estrean en Santiago «Gaivotas subterráneas»

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Dous personaxes enfrontados e moita intriga son os motores desta obra

27 ene 2013 . Actualizado a las 13:14 h.

Son dous amigos da infancia que se reencontran. Pero non é a nostalxia a que motiva tal encontro. Gaivotas subterráneas é a nova montaxe de Talía Teatro que se poderá ver no Teatro Principal os vindeiros martes e mércores, ás 21.00 horas (entrada, 10 euros). Unha obra con dous personaxes enfrontados e moita intriga.

O director da montaxe, Artur Trillo, explica que «non se pode adiantar moito do argumento porque calquera cousa que se diga pode destripar a obra para o espectador». Pero hai un punto de partida, «dous amigos que se encontran como se fose casualidade, pero nada é casual». A peza de Alfonso Vallejo está feita para guiar ao espectador entre os cambios de dirección que vai tendo a historia. Explica Trillo que, ademais do argumento, «no texto queda clara ata que punto a xente pode comportarse dun xeito ruín».

Para os dous únicos papeis e a hora e media de duración, Talía encontrou a dous actores veteranos na escola da intriga. Dous integrantes da serie Matalobos. Luís Iglesia e Xabier Deive, pasando dos platós aos escenarios, e variando só en parte o xénero. Os dous actores apuntan que os seus personaxes requiren de tratamento diferente. Iglesia sinala que os dous protagonistas son completamente diferentes. O seu, Mario, «é un músico que malvive en bares de turistas e que é máis ben apocado». O outro personaxe, que interpreta Xabier Deive, é Nino, quen segundo o actor «é un buscavidas que quere vivir ben a costa do que sexa». Segundo o director, os dous personaxes son tan diferentes que acaban «por ser complementarios».

Artur Trillo explica que o texto de Vallejo foi adaptado para situalo máis cerca dos espectadores, «para subliñar a intriga sobre como pode acabar a relación entre estes dous amigos da infancia». O director engade que a singularidade da obra non está só no artístico. «Esta é unha tentativa de facer teatro comercial puro e duro, cun reparto de actores coñecidos na televisión e reunindo para a produción a tres empresas». Este modelo de produción complétase, segundo explica Trillo, «actuando pola taquilla en todas as funcións», unha posibilidade que o director adxectiva como complicada: «En moitos teatros dubidan de programar aínda que a función non lles vaia custar nada».

Esta circunstancia, tanto para o director como para os actores, supón a necesidade de «seducir ao espectador». Explica Trillo que a montaxe «depende do que digan os espectadores e se queren ir vela». Asegura que queren facer unha boa montaxe, «queremos un bo resultado artístico e pensamos que o espectador vaise divertir na obra». Pero o director explica tamén que se ten que escoller entre que a obra «teña boas críticas ou teña un bo resultado nas taquillas, a estas alturas é moito máis importante o segundo».

Gaivotas subterráneas está producida pola compañía Talía, en coprodución con RTA, unha empresa dedicada fundamentalmente a dar soporte técnico ás compañías de teatro e a produción de espectáculos, e Voz Audiovisual, a produtora de series televisivas como Padre Casares ou a propia Matalobos, na súa primeira incursión na produción teatral.