Os inimigos somos nós

Camilo Franco (camilo.franco@lavoz.es)

SANTIAGO

Los Enemigos están de volta esgotando as entradas e ampliando as noites.
Los Enemigos están de volta esgotando as entradas e ampliando as noites. martina miser< / span>

Entre o pasteleo navideño sobreviven mensaxes como que un é importante polo seus amigos...

13 dic 2012 . Actualizado a las 16:01 h.

MÚSICA: LOS ENEMIGOS

Entre o pasteleo navideño e as ruínas do borrollismo sobreviven mensaxes como que un é importante polo seus amigos. É contraditorio que sexa a socialdemocracia do cariño mercantil a que manteña viva esta aseveración cando a realidade dita implacablemente que só podes ser importante se os teus amigos son do Partido Popular. O resto é condena.

Mentres o PP converte nunha quiniela a relación entre imputado e dimisión, o resto do corpo electoral leva un tempo sumido na colectivización da débeda, na asunción da culpa por consumos non realizados ou por construír piscinas nas que nunca nadou. Estamos todos imputados nun xuízo sobre asombrosas cantidades de diñeiro que non é seguro que existan alén das cifras.

Pero neste sumarísimo capítulo da historia que nos toca vivir fomos encontrados culpables e a primeira consecuencia de ser culpables é que te declaran inimigo sen preámbulos constitucionais e comezan primeiro pola propaganda, seguen pola axitación e, despois, por algo semellante a unha guerra bacteriolóxica contra as ideas para que te proclames cativo e desarmado e quedes só, desamparado como un poeta sen editor, ante uns elementos maiormente movidos por eles.

Porque cando veñen mal dadas sempre hai un eles que marca o territorio do quen somos nós. Se en tempos había algo de postureo en explicar de que se estaba en contra, de definir a capacidade operativa polo tamaño da importancia da xente contra a que había que falar, agora todo está moito más claro: os inimigos somos nós. Por unha parte, inimigos de clase por pensar que independentemente da economía familiar que che tocase teríamos dereito ás mesmas universidades ou a que o aparello última xeración do hospital fose utilizado para todos por igual. Por outra parte: somos inimigos por algo tan antigo como a conciencia, porque o obxectivo último era que todos fosemos iguais sen excepción. Para eles é importante que todos sexamos iguais por abaixo mentres eles proclaman primeiro e reclaman os beneficios das súas diferenzas.

A estas alturas podemos dicir que estamos seriamente armados de grandes cancións. Temos un arsenal completo de versos e acordes e mesmo de algunhas prosas convincentes para disparar contra a súa liña de flotación.

Pero tamén é certo que eles e a súa filosofía das cifras xa saben como manobrar contra esta artillería máis alá da acción directa de ignorala.

Como a marxe de manobra vai sendo cada vez máis pequena corresponde ir subindo o volume progresivamente como unha advertencia implacable de que o porvir -que palabra- non é iso que están pintando. E que se son as cifras as que mandan inapelablemente hai unha que se obstinan en ignorar: somos inimigos, pero somos moitos máis.

Sala Capitol

Días: Hoxe e mañá

Horario: 20.30

Entradas: Para hoxe esgotadas.

Para o venres: 20 euros en anticipada máis gastos. 25 euros en taquilla.

MÚSICA: ESPAZO MULTIFUNCIONAL

O Auditorio de Galicia vai ter dous días sucesivos cunha transformación polo medio. Como non é necesario decidir por exclusión van as dúas no mesmo espazo, pero profesionalmente é un procedemento suicida.

O Auditorio contará hoxe con Maria João Pires, unha pianista sen defectos, cun repertorio no que non falta ningún dos grandes nomes da pianística clásica nin algunhas sorpresas das que poden cambiar o horizonte.

Mañá o espazo ten que travestirse para a apocalipse necia de Berto Romero que máis ben non sabe que facer cun piano e o seu xeito de tocar é bastante físico no pero sentido da palabra.

O humor de Romero non é nada melancólico, que é a fama xeral dos pianistas, e ademais faise acompañar por un guitarrista para que alguén marque o ritmo.

Que coincidan contiguos na programación no Auditorio importa menos, probablemente, que o feito de que o público non será o mesmo. As etiquetas, como a administración, tende a separar as cousas, pero a vida ten a teima de xuntalas.

Maria João Pires

Días: Hoxe

Horario: 21.00

Entradas: 15 euros.

Berto Romero

Días: Venres, 14

Horario: 21.00

Entradas: 16 euros

MÚSICA: OS DA RÍA | Enxebrismo ilustrado

Sabemos que Os da ría teñen un idiolecto particular e un obxectivo na vida. O idiolecto é enxebre e non sempre se entende á primeira. Pero isto non deixa de ser unha vantaxe.

O obxectivo na vida de Os da Ría é disimular a súa condición de cantantes protesta, de artistas ilustrados que deciden diluír a súa condición intelectual deixándose ver en todos os garitos posibles e repetindo máis nos que teñen peor fama. Son estetas, polo tanto, prestan atención ao que se diga deles pero sempre prefiren a mala fama.

Agora teñen un disco e isto demostra que nos enganaron no pasado asegurando que marchaban e nos enganan no presente facendo ver que fan todo isto por cuestións tan remotas como o diñeiro. Pero non disimulan tan ben: eles fan o que Amancio Prada non poderá facer na vida.

Días: Venres 14

Horario: 23.00

Entradas: 10 euros. A Ramallosa. Entradas: Café O 13, Bodeguilla de San Roque, A Reixa, Santa Sede, A Senra.

TEATRO: ELEFANTE ELEGANTE | Sen illas desertas

Andan na marea. Flotan con madeiras organizadas sobre o federalismo que permiten as ondas. Os personaxes de Nuncabunga non se falan entre eles porque non falan. Son pallasos silenciosos pero moi expresivos e son moi celosos do seus territorio.

Teñen as súas liortas porque aos pallasos, como o resto da xente, non lles presta que os deixen sen casa ou que lle cambien os seus costumes diarios, a ximnasia matinal ou que non poidan canturexar os estribillos imposibles. Defenden o territorio como defenden o sentido do humor, pero a diferenza da banca teñen bo corazón e fan por entenderse como canciños dunha mesma camada. A xente di que os pallasos son tristes, pero só son pallasos. Esta é unha obra para nenos, pero os nenos nunca se senten mal cando os pais van con eles e aprenden algo.

Teatro Principal

Días: Sábado

Horario: 18.30

Entradas: 5 euros. Entrada

familiar: 4 entradas por 15 euros.