ARTE: FERNANDO CASÁS
Hai días que o tempo é unha convención e outros días que é unha condena. Co tempo non se pode frivolizar e por iso tampouco vale facer metáforas. As metáforas son as frivolidades da alta cultura, pero para o tempo, como para a morte, quedan en exercicios de defensa retórica. Pero non somos nós os que definimos o tempo, é el quen nos define.
O tempo pasa e iso é todo. O tempo pasa e nos tentamos distraelo. Pero el nos ignora con todo o peso das consecuencia. Quedamos dispersos ante a súa indiferenza ou quedamos sen máis. Aquí comezan as liortas porque o tempo é un pai que non recoñece ou una nai que non abraza. Nós podemos sentilo así. Pero el non nos sente. Alguén recomendou, hai ben pouco, unha administración correcta da indiferenza como método de selección. Recomendouno así pero non me prestou o libro de instrucións para entender o aparello e aínda non sei onde está o botón do play.
O tempo tampouco ten botóns. Doulle voltas e non lle encontro un de pausa que permita un respiro. Eu podo deixar de calcular, pero el non non vai facer caso: permanecerá obstinado. É o dobre fío da indiferenza: é moi boa contra os demais, pero é moi mala contra un.
O tempo trátanos como nós tratamos a un Clic de Playmobil, poñémolos patas arriba, deixámolos deitados no chan, pintámoslles caras e, moi de cando
en vez, dámoslles un respiro lavándolles esa chaqueta de plástico que traen de fábrica. O resto é ignorancia aplicada.
Fernando Casás non traballa sobre o tempo. Traballa sobre os seus efectos. Observa e recolecta as marcas que a acumulación dos días vai deixando sobre as cousas: como unha colección de fotos da cara de alguén feita día tras día para ver cales son os efectos dese vento de seda que Cunqueiro consideraba que era o tempo.
Cunqueiro era fantasioso e non lle chamaba ás cousas polo seu nome. A súa metáfora é menos efectiva do que a cortiza dunha árbore castigada ou os obxectos mancados polo uso. Menos efectiva que esas pezas que parecen perdidas nun tempo que é outro ou que non é este. Esas pezas que aparecen recontextualizadas como se a man dun artista fora capaz de cambiar a súa condición. Pero non é a man do artista a que manda, é o paso do tempo que pon vellas as cousas e gastados a nós.
O tempo que converte a publicidade de onte en arte de hoxe ou a violencia de agora en cultura de mañá. Casás colecciona consecuencias, pero quizais teña percibido que en todo tratado sobre o tempo falta sempre a consecuencia última. Que non está na nosa man nin na do vento que pasa. Unha consecuencia para a que nos falta perspectiva. O resto é autoengano ou distracción, pero podemos chamarlle indiferenza.
CGAC
Días: Ata febreiro 2013
Horario: De 11 a 20 horas. Todos
os días menos os luns
Entradas: De balde
TEATRO: OCIO | Para unha nova dimisión do mundo
Ata agora o mundo dividíase en dúas partes fundamentais: os que cobraban por traballar e os que non. O capitalismo galopante está facendo moitos esforzos por reducir a distancia entre as dúas posibilidades coa vía de non ter que pagar polo traballo.
Pero o mundo está cambiando a unha velocidade que supera á dos cruceiros. De maneira que traballo por facer sempre hai, pero non hai quen queira pagar por facelo. Isto, en segundo que áreas, non reza. Isto quere dicir que no futuro a definición de ser profesional non dependerá tanto do que se cobra como do que se fai. Pero hai algo disto que merece desconfianza.
Tamén vale para o teatro afeccionado e a súa decidida vontade de saír dos espazos limitados e de campar artisticamente en espazos que, inicialmente, parecían destinados a outro tipo de formacións teatrais. Gargallada, Paso de Valverde, NNC Teatro, ou Trécola son algunhas das compañías que forman parte do Festival Agustín Magán, no que ademais de comedias hai vocación por ocupar todo o territorio que o teatro pode dar de si. Desde o xogo cos espectadores ata o metateatro que proporán Mulleres de Moaña.
Teatro Principal
Días: Ata o martes
Horario: 20.30
Entradas: 3 euros
CINE: «O APÓSTOLO» | O tamaño non importa (da pantalla)
Consultada a carteleira na cidade coa pantalla máis grande de Galicia vai resultar que, acabado Cineuropa, non hai que perder os costume de ir a salas que non foron pensadas para o cine pero que son as que proxectan cine.
O tamaño da pantalla non importa aínda que no estaría demais ver O Apóstolo nunha butaca cómoda e mesmo arroupado polo fabuloso arrendo dos flocos de cores. Pero non vai poder ser así. Debe ser nas carteleiras de cine onde mellor se deixa notar que estamos colonizados, pero tampouco é do caso porque o que conta é que para que o cine sexa cine non é tan importante a sala como a historia. E esta é unha animada historia de intriga sobre tesouros buscados e personaxes que se moven coa graza de ser monecos mellor plantados que se fosen humanos.
Fundación NCG
Días: Ata o 7 xaneiro
Horario: 12 e 20 horas. De
mércores a Domingos.
Entradas: 3 euros.
Rúa do Vilar