«O aeroporto reclama unha decisión do Goberno»

x.m.c. santiago / la voz

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Considera que as medidas sobre os desafiuzamentos son «unha fraude e un insulto» aos afectados pola situación

21 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Ana Pontón foi nomeada de novo responsable da área de Santiago no Parlamento e xa se lanzou a presentar as primeiras iniciativas. O dereito á vivenda, saúde, atención social e emprego son preocupacións prioritarias do BNG.

-¿Como afrontan a lexislatura?

-Hai unha situación social de crise moi grave que afecta a milleiros de persoas e é preciso facerlles fronte a través de políticas con outros modos e outras formas, centrando os esforzos en solucionar os problemas.

-A primeira na fronte, os desafiuzamentos.

-As medidas adoptadas son unha fraude e un insulto ás persoas que están nesta situación porque non cambia nada. É necesario modificar a lexislación hipotecaria. A vivenda é un dereito, non un negocio. Avogamos non só pola dación en pago, senón pola adopción de medidas previas para que as persoas non se queden sen vivenda. Hai que acabar cos abusos da banca e aliviar a situación dos afectados, vítimas do bum inmobiliario, mesmo con medidas de quita.

-Tamén van levar á cámara os futuros centros de saúde.

-Co centro de Galeras fixéronse anuncios electoralistas e queremos datas e prazos concretos, que haxa avances. Reclamamos tamén que se constrúa o de Conxo. Non é un capricho, senón unha necesidade para mellorar a asistencia sanitaria.

-A depuradora segue en trámite.

-Imos facer un seguimento dos prazos porque o proxecto pode verse afectado pola perda dos fondos europeos previstos. É unha actuación fundamental para atallar a contaminación dos ríos.

-O aeroporto está na corda frouxa.

-O Goberno galego debe abordar unha política global para os aeroportos e ter unha participación directa na súa xestión de cara á estabilidade dos voos e no marco dunha coordinación dos aeroportos galegos. O de Santiago, cunha terminal nova, reclama unha decisión do Goberno, que non pode limitarse a ver como esmorece.

-¿E a política ferroviaria?

-Imos traballar por que haxa uns servizos de proximidade axeitados. Pretendemos que se constitúa un ente ferroviario galego e que se reclamen ao Estado as transferencias na materia. Imos traballar institucional e socialmente para que Galiza dispoña duns servizos públicos de transporte ecolóxicos, eficientes e rápidos.

Compostela en el parlamento ana pontón mondelo (BNG)