Di que ninguén debe quedar fóra da USC por motivos económicos
06 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Miguel Alcaraz García (1957) asume o cargo de Valedor da comunidade universitaria en substitución de Florencio Arce, quen presentou a súa renuncia logo de quince anos neste posto, dende que se creou aló polo curso 1996-1997. Non é un momento doado para ocupar este cargo, e precisamente por iso afirma Miguel que é o momento de tratar de dar solucións.
-¿Que retos asume neste cargo?
-É unha satisfacción asumilo polo xeito en que se desenvolveu a elección no claustro, cunha ampla maioría, o que constitúe unha especie de reforzo das liñas que presentei na miña candidatura. É certo que a situación na universidade é complicada, pero hai que contribuír, todo o mundo ten que dar pasos para solucionar as disfuncionalidades que hai.
-Non é o mellor momento para ser Valedor.
-Por unha parte non, pero noutro sentido si que o é, xa que é un reto para tentar dar solucións aos problemas que hai. Eu vexo a dobre vertente.
-¿Onde se precisa a actuación desta figura?
-A universidade ten grandes retos, e dalgún xeito temos que facer unha universidade sostible que sexa quen de dar resposta ás demandas que plantexa o contorno social. Unha boa maneira de facelo e ir dando exemplo ao defender os dereitos de toda a comunidade universitaria. Na universidade deben saber que unha persoa estará pendente de velar pola súa defensa no caso de que se vexan afectados pola actuación da administración universitaria.
-Un cabalo de batalla do seu predecesor foi a estabilidade dos investigadores. ¿Recolle esta reivindicación?
-É un dos problemas que poden xurdir. Penso que o programa de captación de investigadores é un bo sistema para o relevo do profesorado universitario. O que pasa é que convén reflexionar de aquí a curto, medio ou longo prazo, onde fai falta facer este tipo de relevo, e aproveitar aí os programas de captación de investigadores.
-¿Agarda un aluvión de queixas trala redución de becas e polo incremento de taxas?
-O problema das taxas é mais complexo do que nos queren facer ver. A suba das taxas universitarias, se fose precisa, debe ser o último paso dunha secuencia. O primeiro sería entrar a fondo no tema da fraude fiscal. Todo o mundo coñece casos de alumnos con becas que chegan cun Audi á facultade. Unha vez arranxado este tema, o segundo sería ter unha política de becas para que ninguén se quede fóra por motivos económicos. E unha vez que garantes que ninguén vai quedar fóra, a universidade pode pedirlle un rendemento á persoa na que investiu. Pero iso implica unha axeitada política de becas e só unha vez resolto se pode falar das taxas. Non se poden tomar decisións só cun criterio economicista.
-¿Quizais gravar as seguintes convocatorias?
-Pode ser unha posibilidade, pero a miña experiencia como profesor, e falando con compañeiros, dime que a maioría dos alumnos que teñen unha beca ou son conscientes do esforzo que supón para as súas familias non son precisamente os que teñen problemas por esgotar convocatorias de matrícula.
miguel alcaraz novo valedor da USC