Se os problemas se decidiran nas terrazas Santiago sería a capital do mundo... Compostela acolle o festival Feito a man
10 ago 2012 . Actualizado a las 11:49 h.Se os problemas se decidiran nas terrazas Santiago sería a capital do mundo. Do coñecido. Esa sensación de ver a vida desde o borde de una mesa e poñerlle pegas ten prezo pero é impagable porque no fondo da xenética humana civilizada esa situación debe ser o máis cerca do paraíso que nos está permitido permanecer.
Como a vida dá moitos espectáculos as terrazas convertéronse nun espazo vital, nun centro de alto rendemento retórico e unha intensa actividade de ocupación da rúa. Como o 15-M pero con mobles, como una manifestación cómoda, unha maquinaria de xerar ideas que non precisan de decreto lei.
Mentres Alemania encontra no sur de Europa o imperio que nunca chegou a ter, alguén recupera a tarteira para as futuras memorias dos escolares, e o deporte español se encomenda ás posibilidades dos deportistas galegos, nas terrazas de Santiago debátese sobre se todos os pallasos de rúa teñen o mesmo guionista, se pasar a gorra ao final dun espectáculo é só unha metáfora do que nos espera, se Mónica de Nut sería capaz de poñerlle emoción á próxima toma de posesión dun presidente da Xunta de Galicia e se a política galega, especialmente no sector nacional, non está demasiado influenciada polo narcisismo.
Tamén se fala de Alemania porque hai moitos súbditos de Merkel nas terrazas de Santiago. Pero nesa batalla pola ocupación do espazo aínda imos gañando os indíxenas.
Para que non se perda nada. Para que a xente ocupe lugar no último dos territorios populares que aínda non se decidiron a impedirnos, nas Terrazas de Compostela (esa marca que aínda teremos que patentar) hai animación para que a conversa teña máis argumentos que os vingativos cambios da Televisión Española ou a limitada calidade dos comentaristas das retransmisións das olimpíadas.
Agora poderemos, con propiedade, falar de jazz e circo antes de que nolo quiten porque Galicia fixo esa revolución tranquila de pasar da terriña á terraza e quizais fallou en que, unha vez sentados, non fomos capaces de valorar o que tan cómoda postura significaba. Nin a responsabilidade que supuña.
Unha vez concienciados de que como fuxe unha oportunidade histórica e aproveitando que teremos que levantarnos para aplaudir, aproveitar a música e os malabares dos demais, para poñer en marcha unha onda reivindicativa para defender o territorio gañado. Porque a terraza é nosa.
Prazas de Santiago
Días: Toda a fin de semana
Horario: Entre as 19.30 e as 22.20
Entradas: De balde
MÚSICA: Sexteto Gramaêtico | Contable
Supoñendo que este sexa o último verán, ese verán no que todo o mundo saiba o que estamos facendo, deberiamos ter un certo espírito de recapitulación. Algo así como unha suma contable de todas as cousas que imos deixando pasar. É un espírito que, lonxe do numeral, numeral, viva la numeración, acaba por espertar os máis sensibles procederes da melancolía: esa desazón que ten como dieta preferente as cousas que xa foron, sobre todo as que perdemos.
Nos últimos dous anos fomos perdendo algunhas. Pero a melancolía non está alimentada polas ausencias senón polo coñecemento desas ausencias, pola certificación de que xa non son. Por iso, para unha correcta administración da melancolía o primeiro que hai que facer é ter datos.
Para ter datos nada mellor que un espazo no que se combinen elementos de procedencia variada de xeito que á esa sensación de que en todos perdemos algo se sume a idea de que agora xa non podemos recuperalo coa mesma frescura.
Para o Sexteto Gramaêtico todos as músicas poden acabar na mesma música e, polo tanto, todas as melancolías son a mesma melancolía. Pero eles prefiren explicalo pola vía de experimentación.
Nesa investigación das posibilidades o mesmo vale ser clásico, popular, contemporáneo ou as tres cousas ao mesmo tempo. Rancheras e barroco, dodecafonismo e bolero. Todas esas cousas que ata agora eran tan de clase media e que pronto provocarán esa inmensa melancolía da desaparición.
Tras San Fiz de Solovio
Días: Luns, 13
Horario: 22.00
Entradas: De balde
Música Sexteto Gramaêtico Contable
CIRCO: Rudi Dudi | Un oficio con competencia
Ser pallaso é un oficio difícil. Non tanto porque a xente sexa difícil de divertir ou porque non estea para bromas. É cada día máis difícil porque os chistes bos neste últimos tempos están contados con vocación de humor negro por xentes doutras profesións con máis ánimo de divertirse eles que de alegrar á parroquia.
Na rúa todo é diferente. O humor tamén. Uns din que porque hai nenos e outros porque hai monxas, pero na rúa é diferente, porque na rúa hai xente e cada un que pasa vai co seu estado de ánimo particular. Encontrarse de pronto cun pallaso non é voluntario e aínda que un queira escapar os clowns son xente teimuda. Atan á xente ao empedrado que é outro xeito de devolvelos á terra, de lembrar que o humor non é desmobilizador.
Nos últimos anos, nas prazas de Compostela cando hai un pallaso a xente parece máis disposta a colaborar, a saír e facer pallasadas. E habería que saber se agora a xente é máis participativa porque o país madurou, pola influencia das asombleas veciñais ou o movemento 15-M ou porque, grazas a Ikea, todos sabemos que se queremos algo barato imos ter que poñer nós a man de obra. Os pallasos, con todo, non son tan egoístas como as multinacionais suecas. Piden unha man pero o espectáculo fano eles. Como na vida.
Praza da Quintana
Días: Hoxe
Horario: 19.30
Entradas: De balde
MÚSICA: Mr. Cool | As primeiras veces do sábado
Nos vellos tempos, recén conseguido non traballar os sábados, un acordaba pola mañá, abría o frigorífico, facía unha lista, collía unha bolsa de lona e dispúñase a saír a facer a compra semanal. Un ritual que veu a substituír en importancia social ao de acudir a misa os domingos.
No mercado había moitas posibilidades, case todas elas marcadas en caso de compra pola potencia de refrixeración que cada quen tivera na casa. As moedas era paran o xornal e o resto era para a conversación.
Pero con tantas grandes superficies e con disimulada imposición de que ao final destines os sábados a facer o que che quedou pendente do resto da semana, hai que buscar motivos para que a xente non perda a mañá do sábado como un día para coñecer xente.
Mr. Cool e Manolo Gutiérrez van aparcar os instrumentos en sesión vermú para que ofrecer una versión terraza de cancións que todo o mundo pode lembrar. Esas melodías sementadas en películas, anuncios de televisión e citas doutras cancións que, realmente, poden facer que a vida pareza outra cousa. No caso de que aínda non as coñezan aínda mellor. Porque un dos praceres que primeiro desaparece na música é ese de escoitar unha canción por primeira vez.
Vía Sacra
Días: Mañá
Horario: 12.30
Entradas: De balde