Do van enriba ti eras rocha pura
granito de labrar formas e ofrendas
sen contar esa mente sempre en reto
sempre en obstinación
sempre en conflito
sempre con rumbo NW. neto
cara ao horizónte cunha vela branca
sempre nese alento de supervivencia
dunha patria mellor
dunha Galicia en órbita...
...Mais do van para baixo xa eras de auga freática
como un ser que xurdise de humidales
chairegas
total namoro das vivificantes
cuncas zonas fluviais da nosa terra
-tesouros como a alma da paisaxe
que os poetas amaron :
Manuel María Aquilino e tantos...
falan deses tesouros nos seus versos-
entre a dorsal Galega:do Miño-Sil da Limia e o Támega...
-aínda se chora a seca malfadada
da lagoa de Antela-
* * *
Manuel Fraga Iribarne estabas conformado
da pedra da auga e lume de Galicia
pero tamén as ondas do Caribe deixaron
un salobre sinal na pel e na túa alma
o corazón queimaba de pura dor telúrica
de enerxía purísima potencial e cinética
tres patrias benamadas tres bandeiras en unha
concentración unánime dun corazón chairego
nun único Señor:
reservado agarimo -voz/ anhelo/ entusiasmo/
lume/ alborada/ fronda/ = Fraga and Fraga
Vento batente que aventando cinza
proclama o vendaval que o arrasa todo
nunha nova conciencia ergueita e alta sempre
nin pusilánime nin nunca libertina
afeita á Caridade á Fe e á Esperanza:
-sen caridade son campá sen badalo
Pandeiro roto. Auga limpa vertida-...
a auguiña que se verte non axuda
por máis pura ou máis límpida que sexa
e o espírito de Paulo está nas Escrituras
e alumea na vida da conciencia
* * *
nesta vida complexa cabe todo...
empero
a mente creadora ?hoxe- da ciencia
pode afirmar que todo é predicible
ata agotar o conxunto finito de sucesos
mais nós sabemos certamente sen probas
que vivimos en gracia da pura Providencia
vivir é navegar segundo os clásicos
ti puxeches a proa de cara ao eterno
a nave leva o rumbo que lle imprimes
navegación de altura nunha dorna sen velas
Deixa o remo. Descansa
Descansa en Paz á luz dalgunha estrela
Descansa no abeirar do último Porto
Descansa en Paz .Ulises .
Así sexa!
Luz Pozo Garza