Castelao e Olegaria Dieste


Existe, dentro e fóra de Rianxo, a lenda segundo a cal Olegaria Dieste e Castelao tiveron unha fonda amizade, que, para algúns, no caso de Olegaria, foi un sentimento de amor, de xuvenil e fondo amor. Castelao casou na Estrada, con Virxinia Pereira, o 19 de outubro de 1912, e, por estas datas, quebrou a saúde psíquica de Olegaria para sempre.

Cando, en 1954, Elena Quiroga, que xa recibira o premio Nadal (1951), decide instalarse en Rianxo para documentarse sobre a vida mariñeira e escribir unha novela, aluga un cuarto na casa dos Dieste. A novelista coñece nese domicilio a unha muller que leva sen saír da casa máis de corenta anos. Ela, Olegaria Dieste (1890-1981), vai atraer a atención da novelista tanto que, lonxe de escribir un relato sobre o mar e os mariñeiros, escribe La enferma (1955), novela inspirada naquela estraña e infortunada muller, que retratou e contou -quede ben claro- cos recursos que a ficción narrativa impón nestes casos.

Sabíase -quizais tamén Elena Quiroga- que Olegarita (así lle chamaban en Rianxo a aquela muller asomada case sempre a unha fiestra) estudara, de nova, Maxisterio e Piano, pero, ata hai pouco, ninguén mencionara a súa condición de latinista. Hai vinte anos, atopei un raro folleto, impreso en Barcelona no ano 1910, no que figuraban catro epodos de Horacio traducidos ao galego: o IV por Olegaria Dieste, o V por Eduardo Dieste, o VI por Javier Montero e o IX por Juan Barcia Caballero. ¿Sabía o latín necesario para traducir ao galego un poema de Horacio, ela que, polo que se sabe, nunca escribiu en galego? ¿Axudoulle o seu irmán Eduardo, que cursara Latinidade no Seminario de Compostela? Nun traballo que publiquei na revista Grial en 1992, facía referencia a outro irmán, Enrique Dieste, como administrador en Barcelona da colección que publicaba estes cadernos con versións dos clásicos gregos e latinos. Quizais esta circunstancia explica a presenza, nesta douta colección literaria, do nome de Olegaria, daquela unha mociña de 20 anos. Por máis que indaguei, os meus amigos rianxeiros, algúns moi doutos, non teñen noticia doutros traballos literarios seus.

Xesús Alonso Montero

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Castelao e Olegaria Dieste