DEBUXANTE, ENSAíSTA, POLÍTICO, LITERATO... o INTELECTUAL RIANXEIRO TEN UNHA OBRA TAN VARIADA E EXTENSA COMA DISPERSA E se PRETENDE PROTEXEla DECLARándoa BIC
28 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.O pasado mes de decembro, a Xunta de Galicia dáballe o conxunto da obra de Castelao a máxima protección ao declarala ben de interese cultural inmaterial. Nembargante, máis alá do valor simbólico das creacións do intelectual rianxeiro pola súa significación para a cultura e a identidade de Galicia, a súa obra está composta por textos, debuxos e pinturas, pezas materiais e completamente tanxibles, pese a que en moitos casos están fóra do alcance da maioría dos galegos. Uns catro mil obxectos forman o catálogo elaborado pola Fundación Castelao no que se recompila a súa produción e no que se mostran todas as facianas do artista e político arousán.
Fixeron falta anos para elaborar o rexistro da obra de Rodríguez Castelao, tan variada como dispersa polo mundo adiante. O seu paso polo exilio non facilitou a tarefa, pero hoxe en día existe unha compilación aproximada do conxunto das súas creacións que aínda non está pechada xa que o formato dixital permite ir incorporando novas pezas ao catálogo. O que ocorre é que, aínda que a meirande parte das súas creacións están localizadas e conservadas en diferentes museos e fundacións públicas, existen obras que perviven en mans privadas, a maioría froito de agasallos feitos no seu día polo propio Castelao aos amigos ou ben debuxos que se publicaron nos xornais nos que colaboraba e que quedaron nas redaccións. A estas pezas hai que sumar os bens que agocha a casa familiar do intelectual na vila de Rianxo, tamén declarada BIC e tamén en mans privadas.
Gran colección
Pero a maior parte da produción artística do ilustre rianxeiro está en coleccións públicas, das que a máis importante é a que albergan as estancias do Museo de Pontevedra. A institución pontevedresa posúe máis de 1.600 das case catro mil pezas recollidas no catálogo dixital elaborado pola fundación, entre as que se atopan o manuscrito de Sempre en Galiza, a serie Debuxos de negros ou os materiais de As cruces de pedra na Galiza, ademais de todas as estampas orixinais dos seus tres albumes de guerra (Galiza mártir, Atila en Galiza e Milicianos). O propio Castelao deixou en depósito na sala pontevedresa algunhas destas obras, ás que logo, co paso dos anos, se foron sumando adquisicións feitas polo museo e doazóns de galeguistas de Arxentina que tamén viviron no exilio.
Gravados, óleos e outros debuxos figuran tamén nos fondos do Museo Provincial de Lugo, no Quiñones de León vigués, no de Belas Artes da Coruña, no Museo do Pobo Galego e nas coleccións de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, a Biblioteca Nacional de España, Novagalicia Banco, a Fundación Vicente Risco, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ou a Real Academia Galega.
A suma de todas as pezas espalladas polo mundo dan como resultado un inventario no que figuran preto de catro mil bens relacionados coas diferentes facetas que cultivou o autor rianxeiro ao longo da súa vida, unha cifra que se vai ampliando ano a ano pero á que, lamentablemente, non poderán incorporarse todas as súas creacións, dado que moitas delas desapareceron.
Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da Fundación Castelao e coordinador do proxecto de catalogación, que se presentou hai xusto dous anos coincidindo co aniversario do nacemento do rianxeiro, afirma que a figura do político contaminou a do artista e explica que moitas obras do pai do nacionalismo foron destruídas polos seus propietarios despois de que Castelao se convertera nun personaxe perseguido e exiliado. Noutros casos, o que se fixo foi borrar a súa firma, todo para evitar ser relacionados co intelectual nacionalista e verse envoltos en problemas co réxime franquista.
Catalogación dixital
Parte dese material que acabou en mans privadas puido recuperarse neste rexistro dixital, pero non todo, de aí que dende a fundación insten a que as persoas que teñan no seu poder un debuxo, un cadro ou un manuscrito o cataloguen co fin de preservalo e divulgalo.
«Os bens en mans públicas non teñen problema, están ben gardados e perfectamente conservados, o problema son as pezas privadas», explica Seixas, que defende o inventario como a mellor forma de conservar eses bens e facer accesible a todos os galegos a inxente obra do polifacético rianxeiro.
A idea consiste en elaborar un ficheiro con copias dixitais de alta calidade dos orixinais e colgalo na Rede, conxugando deste xeito os dereitos dos lexítimos propietarios deses obxectos co interese público. Miguel Anxo Seixas fala de que camiñamos cara «o museo dixital mundial», pero acadalo, matiza, require un esforzo: «Ver a obra completa dun artista é practicamente imposible, pero hoxe estamos nun mundo máis interconectado, no que o intercambio é moito máis sinxelo, e coido que a figura de Castelao podería aproveitarse disto para ser accesible a todos os galegos. Pero para iso precisamos a xenerosidade dos donos de pezas privadas para que permitan a súa difusión a través da Rede».
Inaccesible
Con todo, pese a que ese catálogo está practicamente rematado e foi entregado xa á Xunta de Galicia -que facilitou a súa elaboración grazas a un convenio de colaboración coa Fundación Castelao subscrito no 2008-, o conxunto da obra do intelectual segue sen estar dispoñible para o común dos mortais. Como moito, os interesados na creación artística de Castelao poden ter acceso, a través da páxina web do Museo de Pontevedra, a fotografías e información sobre os bens depositados nesa institución.
A declaración de ben cultural inmaterial da obra de Castelao, e así o recoñece a Xunta de Galicia, está encamiñada a protexer, conservar e difundir o legado de Castelao e transmitilo ao futuro, unha cuestión na que fai énfase o vicepresidente da fundación: «É unha obriga do Goberno autonómico catalogar e poñer en valor toda a cultura galega, porque o que non está inventariado non existe». O que está por ver é como se materializa esa protección.
Esta demanda faise extensiva por parte do vicepresidente da fundación ao conxunto de artistas do país, e parte do convencemento de que, no eido cultural, «non podemos construír o futuro sen mirar atrás, non se pode crear da nada, a arte nace da arte, bebe da tradición». En resume, é necesario divulgar a nosa cultura porque «non se pode amar o que non se coñece».
Con Castelao no exilio, houbo quen destruíu obras ou borrou a súa firma para evitar ter problemas co réxime franquista
O Museo de Pontevedra, pola cantidade de obras que alberga, é o centro de referencia para coñecer a obra do pai do galeguismo