o editor do último libro de memorias de fraga relata un xantar no restaurante vilas
22 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.Por
EDITOR
Hai seis anos, por estas datas, estabamos ultimando a edición do que sería o derradeiro tomo de memorias de Manuel Fraga. A obra, titulada Final en Fisterra, centrada nos seus 16 anos como presidente de Galicia, completaría a súa Memoria breve de una vida pública (Planeta, 1980) e En busca del tiempo servido (Planeta, 1987). Pechaba Fraga un minucioso proxecto memorialístico de máis de 1.300 páxinas. O libro saíu á venda en abril do 2006. Presentámolo na Fundación Caixa Galicia, en Compostela, o 21 de abril. Final en Fisterra comeza, por certo, así: «Este libro es una despedida». E conclúe, despois de 416 páxinas: «Reitero mi gratitud al pueblo gallego por su colaboración de estos años, a la vez que le pido perdón por las muchas faltas». Logo da presentación celebrámolo da mellor forma: bautizamos o libro cun bo xantar. É sabido que o vilalbés se relaxaba como poucas veces sentado a unha boa mesa. Polo que preparamos un convite no seu restaurante habitual, xantar onde tamén se citaría parte da súa familia -a súa filla Carmen e o seu sobriño Pedro Puy-, o seu sucesor á fronte do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, e o responsable do partido na provincia natal de Fraga, Xosé Manuel Barreiro, entre outros. O restaurante: O Vilas. Mesa número 40. Primeiro andar. Nesta semana, tras o falecemento do veterano político, o pasado domingo, levo lembrado moito aquela data. No xantar do Vilas falouse de vagar, e tocáronse moitos paus: falouse do pasado recente -Fraga acababa de aterrar no Senado-, falouse tamén de futuro inmediato -Feijoo era, desde había dous meses, o novo xefe do PPdeG, e escoitaba atento ao presidente fundador- e falouse tamén de ideoloxía, de galeguismo. Á parte dos obrigados comentarios de cortesía, só me atrevín a intervir na fonda conversa unha soa vez, que eu lembre. Animado porque, fronte a outros moitos discípulos ou colaboradores de Fraga, Feijoo só se dirixía na mesa sempre en galego a don Manuel, exclamei con cautela: «O partido que non asuma a fondo o noso galeguismo aquí non triunfa». O asentimento dos comensais foi unánime ante o meu piñeirista comentario. Era lóxico, case obvio, defender o galeguismo ante Fraga; pero el xa se marchara de Galicia. Agora gobernaba o bipartito e o PP xa trazaba a súa estratexia de recuperación do poder. O xantar aquel, co noso Final en Fisterra pousado na cabeceira da mesa, foi sen dúbida un dos máis gorentosos, en todos os sentidos, que un poida ter vivido. Tiña diante unha parte ben importante da historia recente de Galicia -e de España- e tamén aos protagonistas dos capítulos futuros, hoxe xa presentes.