Díaz Pardo

La Voz

SANTIAGO

21 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

«Utilízase o nome de Castelao para facer o contrario do que Castelao quería -argumentaba-. Non son capaces de botalo abaixo, pero saben como utilizalo. Porque ¿quen lembra agora como era Castelao, que representaba e que quería? Hai quen quere esquecer a memoria, porque non lle convén. Hai un oportunismo tremendo, e o que tratan é de ocultar, de facer posible que se esqueza o pasado ou que se lembre reinventado. Por iso é tan importante recuperar a memoria de verdade, a auténtica. Se non hai memoria, o home non recibe a experiencia histórica, que é o que caracteriza unha cultura. Sen memoria non somos, porque non sabemos quen somos».

Conversei moitas veces con el -podo dicir que me distinguía coa súa amizade-, pero nunca lle escoitei falar con tanta paixón de nada como da necesidade de recuperar a nosa memoria histórica. E cando se refería a ela remontábase ao Románico, que nos sitúa á cabeza dunha Europa artística, mais tamén ao pensamento galeguista e á obra de moitos autores exiliados e esquecidos. Neste sentido, contoume a provocación que tivo que facer para conseguir que Rafael Dieste volvese á súa terra. «Tiven que dicirlle que en Galicia xa non o coñecía ninguén, que xa non sabían del, que non o lían. El berraba: ?¡Non pode ser! ¡Non pode ser!?. Pero era. E foi o primeiro que veu, e comprobou que había unha desinformación total. E así pasou con outros».

Coa morte de Díaz Pardo fóisenos o máis singular e teimudo defensor da nosa memoria. Un home que non necesitaba exército para lanzarse ao combate. Nin sequera precisaba estar seguro da vitoria. Para el, esa loita non foi unha elección senón un mandato imprescritible dos devanceiros. E cumpriu ben.

Carlos G. Reigosa