Obxectos que falan da historia

> A. A. Vázquez

SANTIAGO

Máis de mil escolares xa visitaron a mostra sobre Exipto e Mesopotamia que exhibe na Coruña sarcófagos, abelorios, ánforas e outras pezas das primeiras civilizacións

02 nov 2011 . Actualizado a las 10:29 h.

Seguramente saberás xa unhas cantas cousas sobre as civilizacións antigas. Fluviais e agrarias, legaron unha cultura e unha arte que posúen o engado do que aínda está a medio descifrar. Terás oído falar do enorme deserto do Sáhara, das Pirámides, de sumerios, babilonios, asirios e persas, e mesmo podes ter lido hai uns anos na prensa unha curiosa noticia sobre a reconstrución forense da cara do mesmo Tutankamón. Para acadar ese obxectivo empregáronse unhas tomografías que permitiron aos científicos concluír, entre outras cousas, que o chamado faraón neno era un home delgado e tiña 165 centímetros de estatura.

Da man de Agmet, un aspirante a escriba que se move en compañía dun escaravello, os rapaces teñen agora a ocasión de descubrir moitas cousas sobre a antigüidade achegándose aos costumes, crenzas e peculiaridades dunhas civilizacións como as de Exipto e Mesopotamia. Na mostra que permanecerá aberta ata xaneiro do 2012 na sede da Fundación Novacaixagalicia da Coruña, e que foi visitada xa por máis de mil escolares, os visitantes máis pequenos mesmo poderán experimentar a forma de escritura de antano, que non contaba con nin teclados nin bolígrafos, senón canas puntiagudas de madeira. Ese era o instrumento para escribir xeroglifos en arxila. O papiro chegaría máis tarde. No antigo Exipto só os escribas tiñan acceso á aprendizaxe da escritura, unha arte concibida como un regalo dos deuses e chamada a representar signos sagrados, delicados debuxos con significado.

Os estudantes de cursos más avanzados contan tamén con senllas propostas adaptadas a primaria, ESO e bacharelato. Estas visitas permiten coñecer a arqueoloxía de Oriente Próximo, que foi o xerme do Museo de Montserrat, instituído en 1962. Un total de 118 pezas integran esta exposición, unha boa parte delas adquiridas polo pai Bonaventura Ubach (1879?1960) en El Cairo e en anticuarios de Beirut, Damasco, Bagdad coa fin de ilustrar o mundo da Biblia.

Sarcófagos, máscaras, ánforas, vasos e diversos útiles e abelorios das culturas mesopotámica e exipcia ambientan unha expedición cara outros tempos que florecían case illados, e á beira do río.