«Creo no traballo en rede»

concha pino SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Pioneira na orientación educativa, aprobou tres oposicións ate logralo

04 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

No grupo de oito mulleres ás que distinguiu o Concello de Santiago o pasado Día da Muller está Dolores Alvariño Alejandro, xefa do departamento de Orientación do IES Eduardo Pondal e sobre todo unha profesional comprometida coa súa labor no eido da prevención do absentismo escolar. Non concibe o seu traballo «se non é a base de colaboración e de traballo en rede, multidisciplinar e a medio e longo prazo».

A distinción municipal recoñece unha traxectoria na que foi promotora da Rede Conxo/Milladoiro, da que é coordinadora , ademais de participar activamente nos programas de educación e prevención da concellaría de Servizos Sociais.

Miúda e chea de forza, asegura que non se recoñece cando lle chaman Dolores, «son Loli, e ás veces Lola, agás cando vou ao médico e cousas así». É quinta de de oito irmáns, «e nacemos todos na rúa Loureiros, na casa do escultor Asorey».

Xogos na rúa

Tivo unha infancia «marabillosa, moi feliz, non nos aburríamos nunca, porque ademais tiñamos uns veciños que tamén era oito, así que faciamos una panda bárbara e xogabamos moito na rúa». Lémbrase «da churreira que ía os domingo vendendo polas casas, e era unha festa». Foi ao colexio San Jorge na etapa infantil, «e despois as nenas fomos todas a Enseñanza, e aínda que turrei por ir ao instituto, meus pais non cederon ate que fixen o COU no Rosalía de Castro».

Loli Alvariño elixiu estudar Psicoloxía, unha carreira nova na centenaria Universidade de Santiago que empezou de prestado en Historia «pero en segundo pasamos para Fonseca, que foi onde acabou a miña promoción, por iso lembro ese edificio con moito cariño, porque foron moitas vivencias naquel claustro. Foi unha época inesquecible, os anos de espertar a moitas cousas».

Recoñece que sempre foi moi combativa, «militei sempre en partidos de esquerdas, e algunhas veces penso no que facíamos sen pensar nas consecuencias». Conta que o 23-F traballaba cunha compañeira da carreira cando se poñía en marcha o Colexio de Psicólogos, «contratadas para facer de secretarias e un pouco de todo, nun espazo que nos cederan na sede do Colexio de Licenciados, na Rúa Nova, onde a secretaria era unha muller estupenda e moi agradable con nós, Conchita Pensado, da que gardo moi bo recordo. Lembro que cando se produciu o asalto ao Congreso apareceron por alí dous mozos pedindo algo así como asilo político, eran Galín (José Mari Solera) e Ramiro Fonte».

Tres oposición con praza

Quería dedicarse á Psicoloxía Clínica, pero daquela era complicado facer aquí a especialidade, «así que me fun a Londres para aprender inglés e para traballar no que puidemos eu e unha amiga, pero en vez de dous meses quedamos seis. Foi unha das mellores experiencias da miña vida».

Cando volveu ao traballo, despois de traballar de psicóloga e de formarse en prácticas en Paidopsiquiatría durante dous anos, presentándose as oposicións de Educación Especial para a antiga EXB, «un traballo que me gustaba moito, pero era moi duro estar todo o día pelexando coa lei e a súa aplicación, así que preparei as oposicións de Educación Física, aprobeinas no 89, e despois do ano de prácticas en Lalín, tiven a praza definitiva en Ribeira. Ía cada día dende Santiago, e durante dous anos daba educación física a metade do horario e outra metade levaba o proxecto de orientación».

A meta seguía sendo achegarse a Compostela, así que conseguiu o traslado ao Losada Diéguez, na Estrada, onde tamén compartiu educación física coa orientación, que era o que quería facer de verdade. O malo do sistema é que se quería concursar tiña que facelo por unha praza da especialidade pola que aprobara a oposición, «así que volvín opositar, por terceira vez, volvín aprobar e teño praza no Eduardo Pondal dende hai catro anos».