Dende que a comezos da década dos 90 naceron a dúas universidades irmás da compostelá, semella que as tres non deixaron de competir.
-Ese é outro gran reto das universidades, non podemos seguir pelexando. Haberá determinados másteres que teremos que facer conxuntamente e por exemplo, o Campus do Mar é un proxecto das tres universidades galegas e algunha de Portugal. Temos que camiñar no sentido da cooperación e pensar cal é o ben de toda a sociedade por riba dos bens locais.
-A Facultade de Medicina comezará o próximo ano coa descentralización total do cuarto curso.
-Hai que buscar unha solución para os rapaces que están desprazados aos hospitais galegos, non poden seguir indo dun lado para o outro. Porén, non se pode ser curtopracista, hai que ter visión a longo prazo. Crear unha nova facultade en Galicia é unha loucura, porque ademais creala é doado, o complicado é mantela. Temos que ser xenerosos e poñer as roupas de Galicia por riba das locais.
-¿Como ve o futuro da investigación na USC?
-A Universidade non pode renunciar á investigación, é unha das súas misións fundamentais despois da docencia. Un país que non investiga non avanza e recorrer ao mundo empresarial neste momento é francamente difícil porque están paralizando os departamentos de investigación ou externalizándoos, e aí a USC ten que se facer atractiva para recoller o testigo. Ademais hai que identificar liñas de investigación e apostar por elas, porque non se pode ser bo en todo, sen deixar outras de lado.