O Mupega repasa a visión de Oriente a través do cómic

La Voz SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

09 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

Na sala de exposicións temporais do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), situado no número 107 de San Lázaro, poderá visitarse ata o día 28 de febreiro a mostra que leva por título De Saladino a Sherezade. Oriente no cómic.

A exposición está composta por 36 paneis cheos de colorido e información sobre o mundo oriental visto polos occidentais a través dunha das expresións artísticas máis populares e accesibles: o cómic.

Segundo explica Emilio Castro, asesor técnico do Mupega, o cómic, como forma de expresión gráfica, creou todo un universo de personaxes típicos daquela cultura: princesas e guerreiros, sabios e tiranos... que están perfectamente descritos e representados nos paneis colgados no museo.

Ademais, analízanse as paisaxes, os escenarios misteriosos e encantados onde discorren as trepidantes aventuras de personaxes tan coñecidos como o Capitán Trueno, Aladino ou Tarzán. E, por último, preséntase tamén unha sucinta panorámica do cómic actual, tanto o que se crea nos países árabes coma o orixinado aquí, pero xa con outras perspectivas motivadas pola globalización e o novo fenómeno da inmigración.

Explica Emilio Castro que a exposición pertence á Casa Árabe de España e chegou ás salas do museo santiagués dentro do conxunto de actos que organizou o Seminario Galego de Educación para a Paz no marco do Foro Mundial da Educación Compostela 2010.

Pódese visitar no Mupega en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, de martes a sábados incluídos. As visitas individuais contan cun completo cuadríptico informativo, e os grupos organizados -centros educativos, colectivos da terceira idade e outros-, previa petición a través da páxina web do centro (www.edu.xunta.es/mupega)- terán unha visita guiada. A entrada, en calquera dos casos, é totalmente gratuíta. O Mupega é unha institución da Consellería de Educación que funciona dende o 2004.