Tosar e Castaño presentarán o festival Implícate

La Voz SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

04 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

A organización non gobernamental galega que preside a xornalista e escritora María Reimóndez, Implicadas no Desenvolvemento, celebra o próximo domingo no Teatro Principal de Santiago a sexta edición do festival Implícate, noite de música e palabra solidaria. A recadación está destinada a financiar un proxecto de erradicación do infanticidio feminino no distrito de Salem, no sur da India.

Conducido polo actor Luís Tosar e a poeta Yolanda Castaño, o programa desta noite solidaria conta coa participación de formacións musicais tradicionais como Leilía, e as de rock de de hip-hop Som do Galpom e Wöyza; a actuación do Centro Coreográfico Galego e de teatro a cargo de Quico Cadaval e do proxecto cómico Life is a Paripé , con Iolanda Muíños, César Goldi e Mos. A literatura estará no escenario nas voces de Ánxela Gracián, Lino Braxe, Marica Campo e Séchu Sende. Os artista de Pista Catro ofrecerán un espectáculo á entrada do teatro.

Obxectivos locais

Vincular cultura galega e cooperación internacional cos países más necesitados do Sur é o espírito deste festival, no que darán a coñecer o traballo de Implicadas e tratarán de acadar a cifra de 200 socias, un obxectivo que lanzaron a finais do verán co lema 1 de 200 .

A presidenta María Reimóndez aclarou que falan de socias, «porque as nosas iniciativas tratan de sensibilizar sobre cuestións de xénero», pero que perseguen sumar a homes e mulleres por igual para poder financiar traballos que teñen en marcha na India e Etiopía, así como as actividades de sensibilización e concienciación que a organización desenvolve en Galicia dende que se fundou hai trece anos.