Menos na música, Galicia sempre foi moi Country & Western. Tranquila, peluda e sentimental. Un país protagonizado por xente que seguía ás vacas pero non coñecía o hinduísmo. Con gafas e matanzas invernais e onde os acomodados non querían que o tren atravesara as súas terras para non perturbar a sesta de Breogán. Galicia foi sempre moi país para todo. Na música non. Na música foi máis ben folk.
Siniestro Total volve a enmascarar a realidade de maneira que o seu novo disco leva por nome ese xénero tan querido das emisoras institucionais ás tres e media da tarde pero por dentro hai case tanto Country & Western como en un disco dos Blues Brothers. É tamén un asunto moi galego o de travestir os xéneros porque a pesar de ser melancólicos os galegos non podemos ser empíricos ao cantar as grandes pradeiras nin ao fumar unha marca de tabaco que tiña como sintonía a banda sonora dunha peli de pistoleiros chamada Os sete magníficos.
Como non podemos ter lembranzas de Kentucky e para nós Nevada é un concepto distinto, andamos sempre a reinventar. É dicir, o noso é a literatura e canto máis cousas non temos máis literatura lle botamos. Por iso en Galicia hai máis artistas que gandeiros: porque temos máis necesidades que fincas.
Mentres tanto Siniestro Total anda tentando matar as saudades dun sur máis ou menos profundo (depende do lugar) que non ten nada que ver co norte de Portugal e que na música alimentou correntes dispares pero non sempre rurais porque unha cidade, ao cabo, é un pobo que medrou.
O grupo admite que tardou tres meses en chegar a Galicia con este primeiro concerto da xira en Santiago. E hai que entender que algo diso é a viaxe dos colonos porque Galicia está cerca, pero só está cerca de Galicia. O resto está a máis distancia cando non está directamente a outro nivel.
Pero o country e o western, que son como o Ortega e Gasset da música dese país sen raíces aparentes, é unha música norteamericana e nese sentido xeográfico Galicia ten moito que dicir porque, mal que lle pese a esa parte do mundo que se define española, limita polo oeste cos Estados Unidos de América mar por medio. E mesmo é o que está máis cerca en liña recta. Quizais por iso Siniestro pida máis country (país) e máis western (oeste) porque é como pedir máis do noso, pero nun idioma que todo o mundo di entender.