«Nos talleres límitase a admisión para poder interaccionar cos nenos»

C. P. SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

21 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A biblioteca de Caja Madrid en Santiago dedícalle as actividades deste mes a Jutta Bauer, a ilustradora alemá que recolleu hai unha semana en Compostela o prestixioso premio Hans Christian Andersen de ilustración 2010, outorgado pola asociación internacional do libro infantil e xuvenil (IBBY). Cada unha das catro sesións semanais céntrase nunha obra da recoñecida autora, á que decidiron renderlle unha pequena homenaxe, segundo explica a coordinadora da programación, Nerea Couselo, educadora e animadora de Xandobela Xestión e Dinamización Sociocultural, encargada da programación infantil.

-¿Son talleres de ilustración?

-A sesión de hoxe (luns) si, pero as dúas primeiras foron un contacontos musicado centrado no libro Madrechillona , e un taller creativo no que fixeron un videoclip moi bonito a partires do conto Bona Nox .

-¿Cal é a proposta desta tarde?

-Un taller de plástica sobre o libro Sinxelamente ti , unha historia sobre os amigos e o concepto da amizade. Para que reflexionen sobre isto teñen que debuxar ao seu mellor amigo, sexa un animal ou unha persoa.

-¿Varía a participación segundo a actividade?

-Flutúa, pero non depende tanto da actividade como de poder traballar. Para os talleres admitimos un máximo de vinte nenos e nenas, porque se trata de interaccionar con eles. Cos contacontos non hai problema e poden ser máis participantes.