Santa Comba programa para o domingo unha nova baixada de «rafting» para os mozos polo río Ulla
SANTIAGO
A oficina municipal de Deportes de Santa Comba promove para este domingo, 18 de abril, unha nova baixada en rafting polo río Ulla, nos límites xeográficos naturais entre as provincias de A Coruña e Pontevedra.
Este río é un dos que presenta unhas mellores condicións para iniciarse neste tipo de actividade na comunidade galega, unha paraxe fermosa onde disfrutar dunhas horas en contacto co entorno natural lonxe do ruído e o estrés dos grandes núcleos de poboación. Os deportes relacionados coa natureza e a aventura comezan a ter unha importante demanda na sociedade, e por suposto, tamén na xalleira.
O rafting é unha espectacular actividade que consiste no descenso de ríos en embarcacións neumáticas que poden variar entre as dúas e as doce prazas. A baixada do Ulla, que organiza a concellaría que dirixe o edil popular Javier Facal, contará con balsas ou rafts de alta capacidade, con guía dentro das propias embarcacións e, por suposto, os tripulantes terán os seus correspondentes traxes de neopreno integrais, chalecos e cascos.
Para obter máis información e inscribirse nas prazas que aínda quedan dispoñibles para este descenso en rafting polo río Ulla, os interesados deben dirixirse á oficina de Deportes no edificio multiusos de Santa Comba ou ben chamar o teléfono 981 818 710.