«Non é recomendable subir a velocidade nas autovías»

SANTIAGO

A Consellería de Medio Ambiente acordou aumentar o límite de velocidade na vía de O Salnés logo da súa conversión en autovía, atendendo así á petición dos condutores, como se fixo anteriormente na autovía de Barbanza, e tamén estuda a posibilidade de facelo no treito construído entre Santiago e Brión. Na actualidade, na autovía do Salnés estanse a modificar os sinais para que se poda circular a 120 no tramo que vai desde Curro, preto da autopista AP-9, a Sanxenxo. Manuel Portas, como experto en seguridade viaria, pensa que non é unha boa idea.

-¿Por que non está de acordo coa modificación?

-Non é que non estea de acordo. Hai autovías nas que si se pode, pero creo que polas circunstancias da do Salnés non é recomendable. O tramo non é perigoso, e o aumento de 100 a 120 quilómetros por hora non é importante, pero hai que ter en conta as entradas e as saídas. Na de Ribeira fixen un estudo, e nos 42 quilómetros nos que se subiu a velocidade o que se aforra no tempo de chegada son dous minutos. Pero pola contra, a posibilidade de que aumenten o número de accidentes sube un 25%, e a perigosidade crece un 48%. Na autovía do Salnés o treito afectado é aínda menor, polo que o tempo que se aforra non superaría o minuto. Creo que non compensa.

-¿E cales son esas características do vial que non fan recomendable o aumento?

-Non é o mesmo unha autovía en Galicia que en Castilla. As nosas teñen moitas entradas e saídas, e iso é o que aumenta a perigosidade, porque os condutores teñen por costume ir incorporándose pouco a pouco, por iso hai máis probabilidades, cando se vai circulando, de atopar coches que se incorporan e que van a unha velocidade escasa. É mellor parar cando se vai entrar e logo facelo a máis velocidade, para non interromper o tráfico, pero non é o que se fai por costume. A incorporación é lenta e o perigo, maior.

-¿Considera entón que agora vai ser máis perigosa?

-Neste caso si. Nese tramo hai seis ou sete saídas e entradas. A diferenza das autovías que hai en Castilla, que non teñen tantas incorporacións. Por iso non se trata de que non sexa recomendable aumentar a velocidade en todas; hai outras nas que si é adecuado circular a 120 por hora, pero non neste caso.