«A cidade non pasa a proba do algodón para o Xacobeo»

SANTIAGO

Moi crítico co goberno local, este comerciante afirma que a promoción do ano santo non consegue chegar ao gran público

14 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

As cifras canto a turistas no que vai de ano santo non son todo o bo que deberan. Iso é o que pensa José Manuel Bello, presidente de Compostela Monumental, que reclama unha estrela de caché para conseguir chegar de verdade ao gran público e se anime a visitar a capital de Galicia.

-¿Cren na cifra de dez millóns de visitantes neste ano Xacobeo?

-Ogallá fose así. En Compostela Monumental estamos moi esperanzados e fixemos o que nos corresponde facer, cunha inversión moi grande por parte dos comerciantes, pensando en ter un dos mellores xacobeos desta xeración. Pero levamos unha pequena decepción porque as cifras non son como as de outros anos. Pode ser unha pequena focha por causa da crise ou tamén polo enfoque, non tanto pola Xunta, senón porque non somos quen de chegar ao gran público. Hai que facer unha promoción forte este trimestre e implicar a xente con caché.

-¿Entón a promoción da Xunta non é acaída?

-Creo que teñen a mensaxe correcta pero a xente non o capta. Por outro lado, a promoción dos últimos cinco anos do Concello non foi a correcta, os actos eran localistas e o forte do turismo é europeo e internacional. Esta cidade non está preparada, non pasamos a proba do algodón para o Xacobeo: non hai un centro médico na zona monumental, o enlousado non está nas debidas condicións, a Catedral semella descoidada e as obras píllannos co pé cambiado. O erro é compartido pero máis do Concello.

-A súa asociación sempre foi moi crítica co goberno local e chegan a vinculalos co PP.

-Nós somos críticos con este e cos que veñan. Se consideramos que hai actuacións de promoción correcta e hai sintonía co Concello, non hai esa crítica. Igual ocorrería se gobernase o PP. É que cada vez que queremos facer algo o non de Raxoi é sistemático.

-Precisamente, a última polémica é a dos adornos nas rúas do casco vello.

-Corrobórase o que acabo de dicir. Paréceme unha falta de ética. Vivimos nunha especie de chavismo e o que non é afín péchano. Se ten que ser como eles din, que abran o expediente a todos, regulen ou cobren por ocupación da vía pública. Eu creo que isto non vén no Plan Especial e xa me canso de oír «non me gusta». Ese non é o argumento.

-¿A crise é máis suave nos negocios que están preto da Catedral e moito máis severa para os outros da zona monumental?

-A feira vai por días. As tendas que están ao pé da Catedral teñen unha situación privilexiada porque hai unha serie de turistas que chegan, ven a Catedral e marchan. A culpa é de que non conseguimos que se vendese ben o casco histórico e cren que só hai unha Catedral. Esta cidade non é para estar só un día, pero non hai complementos turísticos.

-¿É hora de diversificar o comercio para saír da crise?

-Somos partidarios dun centro comercial aberto, un comercio variado, diverso e rico. Non vale só cun tipo de negocio, porque non tería fundamento. Só co comercio variado se fai cidade.

-¿E as grandes superficies?

-Ten que haber de todo, pero son partidario dun comercio de proximidade, porque as grandes superficies poden marchar.