La otra moda de Adolfo Domínguez

SANTIAGO

O Colectivo Remonte fixo onte a plantación dos castiñeiros e carballos apadriñados pola empresa ourensá, para o que contou coa axuda do alumnado do CPI de Dodro

30 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Da man da Asociación Ambiental Colectivo Remonte, os arredor de 160 alumnos do Centro Público Integrado Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro pasaron boa parte da mañá de onte en contacto coa natureza. Nunha parcela da aldea de Revixós, os escolares plantaron preto de 200 plantas de castiñeiro e carballo, que teñen un padriño de moda, a empresa galega Adolfo Domínguez. Pero o apadriñamento non se quedou so no papel, polo que a filla do deseñador ourensán asistiu a plantación e mesmo colleu a aixada na man para botarlle terra a varias árbores. Tiziana Domínguez explicou que no pasado Nadal a empresa decidiu regalar aos seus máis estreitos colaboradores unha árbore, que dende onte medra xa nunha parcela de Dodro que, ata hai dous meses, estaba chea de xestas.

Ao acto de plantación non so asistiron varios representantes do Colectivo Remonte, senón que tamén que contou coa colaboración do axente territorial para a Comarca do Sar da Consellería de Medio Rural, José Rodríguez, e os membros dun Equipo de Prevención de Incendios Forestais do Ministerio de Medioambiente. Previamente a saída a parcela, estes últimos falaron no centro educativo da prevención de lumes no monte. A charla tamén asistiu o xefe do Distrito IV Barbanza, Alberte Piñeiro.

Xa na leira, calzados con botas de goma e unha gorra na cabeza, neste caso obsequio de Adolfo Domínguez, os alumnos do CPI de Dodro, acompañados do profesorado do centro, demostraron que a aixada non lles é algo alleo polo que non dubidaron en collela para plantar as árbores e nalgúns casos ata se puxeron de manga curta debido ao esforzo, que a outros lles abriu o apetito e mesmo sacaron o bocadillo.

Todos coincidían en que a terra da parcela era moi boa polo que, dende o Colectivo Remonte, ninguén dubidou que as árbores prenderán sen problema. Así, o axente territorial animou aos escolares a volver no mes de marzo a finca para ver as medras das árbores. Dende o colexio, lembraron que os rapaces tamén fan plantacións dentro do recinto educativo polo que «aínda se lle dá ben isto de andar co sacho».

A pregunta de se estes escolares ían as leiras a traballar, todos coincidían en dicir que non salvo nalgún caso en que «me obrigan meus pais cando é de poñer ou quitar as patacas», dixo un deles. Outro rapaz recoñeceu que «meu avó si que ía a leira, se facía falta da mañá a noite». Ao final, plantaron arredor de 200 plantas de castiñeiro e carballo, especies frondosas e de folla caduca que o Colectivo Remonte quere levar a aquelas zonas arrasadas polos incendios ou en abandono.