Un novo libro didáctico para non dar a esquecemento

M.Beceiro

SANTIAGO

A concellería de Cultura achega a figura de Ánxel Casal coa segunda obra da colección Cadernos de Compostela

18 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Un 17 de decembro de 1895 nacía Ánxel Casal Gosende, intelectual, editor e político compostelán que chegaría a ser alcalde da cidade ata a sublevación dos franquistas, que acabarían asasinándoo no 1936 nunha cuneta de Cacheiras. Transcorridos 114 anos do seu nacemento, a concellería de Cultura publica o libro Ánxel Casal Gosende. O editor de Nós , un caderno con vontade didáctica que busca afondar nese coñecemento público dunha das figuras capitais na historia da cidade e de Galicia.

A concelleira de Cultura, Socorro García, presentou onte o libro xunto ao seu autor, Miguel Anxo Seixas Seoane. A obra é o segundo título da colección Cadernos de Compostela, do Centro de Estudos Composteláns Ánxel Casal, que sigue a un primeiro dedicado ao escritor Valle-Inclán. Cadernos de Compostela pretende ser una colección de materiais divulgativos «de doado manexo e fácil lectura, para chegar aos veciños e veciñas de Santiago información sobre o noso pasado, as figuras e os acontecementos vinculados a esta cidade».

Porque a cuestión, como ben destacou Socorro García, é que «aínda que moitas veces [estes acontecementos] son evidentes, e pasamos polas nosas rúas e hai pegadas evidentes desa historia, non están de maneira tan fresca nas nosas memorias, e convén ademais facer ese refrescado da memoria poñéndose en relación sempre, non só cos espazos senón cos acontecementos políticos, sociais, culturais da súa época, e tamén co contexto final». Este obxectivo lógrao moi ben Miguel Anxo Seixas co seu traballo, segundo subliñou a concelleira de Cultura, «un traballo que se le de maneira rápida e amena».

A edila nacionalista destacou a importancia de Ánxel Casal como figura fundamental do nacionalismo e da cultura galega so século XX, un compromiso que o levou a ser asasinado no mesmo día que o poeta Federico García Lorca, con quen colaborara para publicar os seus versos. Socorro García recordou que o Concello ten comprometido un Centro de Estudos Composteláns que levará o nome de Ánxel Casal e que estará situado na que era a Casa das Máquinas, en Galeras, que se sumará á Biblioteca Pública que leva o seu nome.

Miguel Anxo Seixas iniciou a súa intervención laiándose de que «os galegos, xeralmente, non temos memoria», contrariamente ao que suxire Pondal nunha das pasaxes do himno galego: «non des a esquecemento». O autor do libro considera que «algúns personaxes ocultos na historia foron esquecidos» polo que o labor actual debe ser «devolverlles a luz e o protagonismo que tiveron». Un deles é Ánxel Casal, de quen Seixas Seoane subliñou o papel que xogou como empresario «consciente de que a lingua e a cultura galegas tiñan que normalizarse». Nese sentido, destacou que o fondo editorial de Nós «é o máis importante da literatura galega». Seixas chamou a atención sobre o feito de que «os homes que pensaron e deseñaron Galiza son os homes que foron decapitados en 1936».