O grupo O Sonoro Maxín actuará na compostelana Sala Nasa.
26 nov 2009 . Actualizado a las 19:44 h.Cando os heroes se poñen cachondos poden pasar dúas cousas: a xente con sentidiño marcha para casa e os demais quedan a cantarlle as loubanzas pola temeridade, pola erótica do poder ou polo ben que lle apretan os pantalóns por baixo da cintura. Os heroes, en cambio, non teñen por costume dicir a verdade. Non porque se sintan incómodos no territorio da franqueza senón porque non cadra ben coa política de comunicación que gastan. Os heroes pensan que queda estupendo que, ao final do seu parlamento, se cite: todo o demais é silencio. Pero eu vounos contradicir antes de que o presidente da Xunta me obrigue a fusionarme con algunha caixa: todo o demais e verbena. E isto tamén.
Nocturnidade e teimosía
A verbena pese a estar moi enraizada no ocio dos galegos está a perder papel. Seguramente o Xacobeo poida facer algo neste sentido e cos cartos que sobren de pagarlle as toallas a Mark Knopfler poda montar unha verbena plurilingüe que non se permita o luxo de rematar antes das sete da mañá, hora histórica de Galicia. É posible que unha vez que o Xacobeo decida organizar verbenas de verdade (das outras xa o leva facendo toda a vida) cos seus campos da festas, os tenderetes de rosquillas, os postos dos tiro con monecos de Bart Simpson que parecen ter sobrevivido a algunha enfermidade infecciosa, as verbenas completen o seu declive. É unha curiosa circunstancia que non se acaba de aclarar nunca: non se sabe se cando as forzas gobernamentais entran nun sector este xa está acabado ou chega ao seu fin xustamente pola operatividade das forzas gobernamentais. Entre tanto O Sonoro Maxín pasa de facerse demasiadas preguntas e acepta que a maquinaria da verbena é nocturna e alevosa. E mancha. Pero agora que os campos da festa de toda Galicia están solidamente asfaltados cun chapapote que xa estaba aí antes do Prestige quizais o que manche a noite verbenera xa non sexa o polvo.
Ventos e metais
Houbo un tempo no que un campo da festa era unha franxa horaria. As orquestras dominaban as noites e as bandas dominaban os días. Despois diso chegaron as orquestras atracción e xa todos querían atracción a todas horas como se as festas do patrón estivesen obrigadas a determinadas exhibicións. Antes de que todo iso cambiase as bandas de música tiñan as súas batallas e a súa esgrima ao aire libre, facían os pasarrúas e amenizaban (que verbo en desuso) eses inxenuos días de estrear roupa. No Certame de bandas xúlgase a música, pero sería estupendo que aínda fosemos capaces de recrear aquel tempo de vermús que preceden a un pulpo á feria mal cocido ou recocido. Aquel tempo de cando as festas non tiñan pregoeiro e os rapaces aínda eran capaces de seguir á banda. Sería estupendo como recreación sen nostalxia para que ningún heroe teña oportunidade de asegurar que todo o resto é verbena.
Iras obsesivas
Igual é o sistema disperso ou a falta de concentración pero somos, en conxunto, unha sociedade con facilidade para obsesionarse. No cultural tamén. Por exemplo: estamos obsesionados polas grandes figuras sen ser exactamente conscientes que algo desa grandeza depende de que queiramos velas así. Shakespeare ou Mozart ou o Che Guevara. Comezamos a darlle voltas ao que fixeron, especulamos co que non, decidimos pola nosa conta os significados das súas palabras e logo aseguramos que o que dicían era moi deste tempo e non reparamos que somos nós quen conducimos de maneira un tanto ilegal tanta hermenéutica. Resulta un tanto reducionista esta completa revisión das obras das grandes figuras e o abandono de tantos dos seus sucesores que non gozan dos favores de ser clásicos pola graza das sucesivas canonizacións. As veces parece tanto así, tanto se convoca a esas grandes figuras que dá a impresión de que se fose fútbol, na selección Argentina tería que seguir xogando Maradona. Mozart xa non xoga, pero Maradona segue dicindo parvadas nas roldas de prensa en parte, creo, para que ninguén poida dicir que foi un clásico, para que non o metan na Wikipedia dos filósofos das cousas esféricas: o balón, os planetas, a ira ou a falta de xenerosidade. Marta Carrasco aproveita o rebufo de Mozart e ese réquiem que fede a morto excelso. A falsa conformación do imaxinario colectivo ata o punto de que aínda hai quen imaxina que palmar precede a un sinfín de concertos de Mozart e Bach algodonados. Así son as verbenas dos incautos e todo o resto é darwinismo.