«Padrón non é consciente do seu patrimonio xacobeo»

SANTIAGO

O sacerdote ve con preocupación que a vila está un pouco en pañais para a próxima celebración do ano santo 2010

15 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Roberto Martínez Díaz (nado en París en 1968, pero con familia afincada no concello de Cabanas) descubriu a súa vocación sacerdotal percorrendo o Camiño de Santiago e, quizais por iso, está «contentísimo» de ser o cura párroco dunha comunidade, a de Padrón, que ten como titular ao Apóstolo Santiago. Asimesmo, dende hai dous anos tamén atende a parroquia de San Mamede de Rois.

-Despois de tres anos en Padrón, ¿está integrado?

-Plenamente integrado e a gusto. Non levo moitos anos de cura, 15, pero recorrín moitos sitios e tiven ao meu cargo varias parroquias, fundamentalmente rurais. Ademais, estiven 6 anos en Roma.

-Vostede sempre defendeu que Padrón é o berce do Xacobeo. ¿Por que custa tanto recoñecer esta condición?

-Estou convencido de que así é. O Camiño de Santiago é a experiencia fundante da miña existencia. Foi importante na miña vida, igual que a tradición xacobea. Ao chegar a Padrón, un pobo non totalmente descoñecido para min, aínda que certamente non coñecía toda a súa bagaxe histórica e a tradición, decateime de seguido que a parroquia de Padrón é eminentemente xacobea. Pero hai un problema e é histórico: a proximidade de Padrón con Santiago. Ninguén dubida de que, hoxe, Santiago é o centro do Xacobeo, lugar onde está a Catedral, o sepulcro cos restos do Apóstolo e é a meta do peregrino. Pero ninguén pode dubidar que Padrón, nesa consolidación de Santiago como centro da tradición xacobea, ten moito que dicir e así o acreditan os restos arqueolóxicos e os monumentos como o Pedrón, os penedos do Santiaguiño ou a igrexa de Iria.

-Pero insisto, ¿por que custa recoñecer tanto esa condición de Padrón?

-A min non me preocupa que non se recoñeza fóra de Padrón pero si que non se faga dentro. Fóra ten unha explicación lóxica; o centro do Xacobeo é Santiago, que eclipsa todo o que ten arredor, incluído Padrón. O que me preocupa é que a xente de Padrón non sexa consciente do legado histórico e do patrimonio xacobeo que ten a nosa parroquia. Hai quen si o é pero para a maior parte do pobo pasa desapercibido o feito de que Padrón é o berce do xacobeo. Ven pasar peregrinos, saben que é unha etapa do Camiño pero non lle dan tanta importancia á raíz histórica que iso supón.

-Faltan menos de dous meses para o ano Xacobeo. ¿Como ve a Padrón para afrontar dita celebración?

-Véxoo un pouco en pañais e estou preocupado. As estimacións de peregrinos que van transitar polo Camiño Portugués son de 20.000 ou máis e non van vir espazados, senón que a maior parte o fará nos meses de verán ou en períodos vacacionais. Xa hai grupos confirmados para o mes de agosto de modo que, en días consecutivos, virá un de 1.200 xóvenes e outro de 800. Van durmir en Padrón e, nestes momentos, a vila non dispón da infraestrutura necesaria para acoller a tanta xente, cun albergue con poucas prazas e cuns polideportivos que tampouco teñen moitas. Sei que se están facendo cousas, que o concelleiro de Cultura está moi interesado no tema, pero debería interesar a todo o Concello xa que hai moitos ámbitos da administración municipal que teñen que intervir ao respecto.

-¿Serán miles de peregrinos ou de turistas?

-A maioría, peregrinos. En todo caso, peregrinos e turistas van pasar pola igrexa parroquial. Os primeiros o farán como templo ou casa de Deus e os segundos como un monumento histórico. Pero, ambos, van a estar en Padrón un día e, por tanto, hai que ofrecerlle infraestrutura para que poidan durmir, asearse e demais.

-Con respecto a Cáritas, no último ano rexistrou un incremento da axuda que presta. ¿É un reflexo da crise?

-O informe a nivel nacional de Cáritas coincide coa situación na parroquia, na que houbo un incremento do 40% da asistencia. Hai que ter en conta que Padrón é un lugar de tránsito e, por tanto, Cáritas trata de facer fronte as necesidades das persoas do concello pero tamén a transeúntes. A día de hoxe, reparte ao mes alimentos a máis de 50 familias e, este ano, grazas a Fundación Pedro Barrié de la Maza e a Educacional da Conferencia Episcopal, a parroquia concedeu subvencións por preto de 6.000 euros para situacións de límite, como o pago de hipotecas en risco de desahucio, alugueres ou libros de texto.

-A actividade de Cáritas susténtase, en boa parte, grazas as doazóns. ¿É o pobo padronés un pobo solidario?

-Si o é, pero aínda podía ser máis. No tema da solidariedade, sempre se busca máis. Pero Cáritas non é a única institución de axuda que traballa en Padrón, onde tamén están as Voluntarias da Caridade de San Vicente de Paúl.

-A crise, ¿fai que máis xente vaia a igrexa?

-O certo é que si se ven máis persoas aínda que eu non coñezo as intencións de cada quen. Veñen e rézanlle ao seu santiño, sobre todo a Santa Rita.