Se se confirma o retroceso da lingua no ensino, Louzao lembra que propoñerán a folga no sistema educativo
28 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O quinto congreso da CIG-Ensino revalidou a Anxo Louzao como secretario xeral. O sindicato maioritario no ensino público ten claras as súas reivindicacións: unha educación en galego, pública e que prestixie ao docente. -¿Cal é nestes momentos o principal problema do ensino? -O primeiro sería a situación actual de normalización lingüística, derivada da política involucionista e de persecución do galego que ten o PP, con accións como a derrogación do decreto do galego, que de todos os xeitos xa non se cumpría. -¿Cumpriuse algún decreto do galego? -Este non se cumpre e non se cumpría o anterior, pero xa co goberno bipartito, porque mesmo houbo partes que non se desenvolveron. O primeiro que se fixo dende este Goberno foi eliminar unha proba en galego para acceder á función pública; a modificación do currículo de infantil só no aspecto do galego; adíanse as axudas a equipas de normalización, e acabouse coas galescolas. Todas as medidas foron en contra da presenza dos resortes legais que ten o galego na escola. -¿Que se espera do próximo borrador? -O lóxico é que tomaran nota da manifestación histórica que houbo en Compostela, que amosa que os cidadáns non están dispostos a renunciar ao seu sinal de identidade máis importante. Non se pode falar de calidade no ensino en Galicia se non se fala tamén de galeguización. -¿Un ensino totalmente en galego garantiría a competencia nas dúas linguas? -Calquera cidadán que non teña prexuízos sabe que si. O español non corre perigo, aínda que o ensino fose totalmente en galego o alumnado estaría en condicións de ter unha competencia nas dúas linguas en termos semellantes. Aquí é imposible exercer como galegos as 24 horas do día. Unha lingua que está en inferioridade como é o galego, soamente vai ter futuro no día en que iso sexa posible. O futuro do idioma como idioma de uso social e colectivo non vai ter futuro senón é así, e iso non supón que a nivel individual, que cada un use o que queira. -Ao principio de curso houbo unha guerra de cifras sobre o profesorado que quedou sen traballo, ¿houbo unha redución? -Si, son numerosos os centros que teñen carencias, en maior medida para atender á diversidade. A Administración recortou os cadros do persoal, e mesmo quedaron sen colocar funcionarios. Inicialmente houbo 400 docentes sen destino, e agora moitos xa están traballando, pero aínda hai máis de cen sen praza. Outra das nosas reivindicacións é unha defensa do ensino público como único elemento que garante a igualdade de condicións, polo que queremos que se elabore unha lei galega do sistema público que garanta o ensino público de calidade, e ademais o recorte dos concertos.