Estamos dominados polo revival. Igual ten que ver coa crise que nos fai mirar todo como se calquera tempo pasado fose mellor. E creo que non porque eu de cativo tiña que levar pantalóns curtos de tergal, que era un asunto que me amolaba máis que calquera outra cousa da miña identidade, incluída a miña inclinación ao silencio.
Pero nestas festas mandan os oitenta, incluído Springsteen, como se dende aquela deramos voltas polo mundo co petróleo de prestado ou como se a CEOE nos tivese regalado anualmente as subas dos soldos.
Fangoria nos oitenta era outra cousa e, antes de entender o tramposa que é a nostalxia, ía dicir que mellor pero creo que non. Era diferente porque estaba menos preocupado polas discotecas, polos sintetizadores, quizais porque eran máis pop nun mundo entre agresivo e hortera. Daquela era máis importante certa simpatía quedona. Importaban menos os asuntos bailables, aínda que como ben saben as patronais bailables somos todos.