«O Festigal é un punto de encontro de cultura e de festa de gran diversidade»

C.?P.

SANTIAGO

24 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Para Maica Añón, compostelá de adopción como tantos veciños desta cidade, «porque levo vivindo en Compostela máis anos que en Laxe, onde nacín», as festas do 25 de xullo representan traballo. É a coordinadora da área de asociacións do Festigal, o encontro que durante as xornadas de hoxe e mañá reúne no fondo do campus sur unha oferta amplísima de ocio e cultura.

-¿Que implica a súa área?

-Organizar a participación de asociación no Festigal, a efectos de convocatoria e de darlles soportes de infraestruturas. Este ano aumentou a participación, porque en total son 33, pero tamén é maior a diversidade dos colectivos que van estar.

-¿Facilítanlles espazo e medios?

-Distribuímos o espazo ocupando unha jaima ou só mesa e unhas cadeiras. Con jaimas contratadas son 22 asociacións, e cunha zona simple hai once. En función diso pagan máis ou menos, e nós proporcionamos a jaima se é o caso, mesas e cadeiras, toma de corrente e iluminación.

-¿Non é unha montaxe moi grande para só dous días?

-Máis de dous días non tería sentido, porque a xente traballa. De feito, hoxe á mañá o nivel de xente é baixo.

-¿Serve de punto de encontro?

-É un referente consolidado para moitas persoas que veñen celebrar o Día da Patria, un punto de encontro cultural e de festa de gran diversidade, porque a oferta do Festigal é moi grande e aberta a todo o mundo.